Vivenda protexida para a nosa xente, aproveitemos a oportunidade

Sem categoria Non hai comentarios

Cambre, 17 de novembro de 2008.- Hai ben pouco tempo, calquera mozo ou moza con idea de se emancipar, ou xente maior que quixer obter a súa propia vivenda, atopábase con problemas irresolúbeis. Só o mercado libre ofertaba vivendas e, os prezos eran inalcanzábeis. Hipotecas máis parecidas a condenas perpetuas e condicións de vida de auténtica penuria era o que lles esperaba.

E chegou a crise. Agora nin iso porque a banca non solta un euro nin nas condicións máis leoninas. As vivendas protexidas, de protección pública ou prezo taxado, inexistentes. O panorama resulta penoso.

Por iso é máis importante o proxecto da Consellería de Vivenda e Solo. Por iso, a determinación da conselleira é de obrigado recoñecemento. Porque nun período de tempo razoábel haberá no mercado un número suficiente de vivendas para a xente, con estándares de calidade elevados, con prezo regulado e, en lugares céntricos e non afastados dos principais núcleos. Porque ademais, construiranse novos barrios dotados de zonas verdes, de equipamentos comunitarios, das infraestruturas necesarias.

En moitas zonas, como é o noso caso de Cambre, virá a suplir unha planificación urbanística, unha ordenación do territorio, non realizada polo goberno municipal.

Promoverá a economía local, a construción e as empresas auxiliares, a hostalaría. Vai supor, nos próximos dez anos, todo un motor para a nosa economía local.

Diante disto hai que adoptar unha posición responsábel. Pódese negociar ou aportar modificacións que melloren os proxectos. Incluso axudar aos afectados obter maiores contrapartidas polas súas propiedades. Pero o que non se pode facer, desde a responsabilidade de quen debería defender o interese xeral, é tirar pedras contra a maioría, situarse á marxe das necesidades da nosa xente.

É unha vergoña ver algunhas actitudes que sen a mínima información e con total desprezo pola verdade utilizan a demagoxia máis ruín para descualificar un proxecto necesario. Alá eles¡ Todos e todas sabemos que a dereita deste País non quere vivendas protexidas. Xa o demostraron, tiveron máis de tres lustros o poder nas súas mans e non as fixeron. Que deixen traballar polo menos, que non estorben¡

Xabier Iglesias

Plan de vivenda, como auga de maio¡

Artigos 1 Comentario

Cambre, 14 de novmbro de 2008.- Aínda non saio do meu asombro ao ver algunhas reaccións ao Plan de Vivenda que presenta a Consellaría de Vivenda e Solo. Cando tiven a primeira aproximación ao Plan, hai apenas uns días, a sensación foi de que nos tocara a lotería. Non podo comprender como se pode ver doutra maneira. Que a Xunta de Galiza invista case 50

unha das zonas incluídas no plan

unha das zonas incluídas no plan

millóns de euros no noso municipio, que dese investimento os veciños e veciñas de Cambre poidan gañar 120.000m2 de espazos verdes ou 33.000 destinados a equipamentos, e todo sen gastar un só euro dos orzamentos de Cambre, é para estar satisfeitos.

Pero non só é iso. Imaxinemos o que vai supoñer en ingresos públicos e para a xente. Taxas por licencias de obras, actividade do sector da construción, da hostalaría, dos servizos e de empresas auxiliares, postos de traballo,… case nada nunha etapa de profunda crise económica como a que padecemos.

Pero ademais é que crearemos “cidade”, e será de maneira planeada e seguindo o interese da maioría, non polo capricho especulador dos poucos de sempre. Poderemos conformar a grande trama urbana entre o Temple e Cambre, tan necesaria para o futuro. Coa suficiente poboación para que os negocios e iniciativas empresariais teñan garantía de supervivencia, coas conexións e mobilidade aseguradas de maneira planificada, con solo para equipamentos sociais e zonas verdes e de lecer.

E o que ven ser o obxectivo primordial do plan, con vivendas de calidade e ao alcance da nosa xente.

Está en exposición pública. É o momento de estudalo, de reflexionar e de facer aportes e suxestións que o melloren, que fagan que se adapte mellor a nosa realidade. É o momento da colaboración institucional intelixente, de traballar xuntos. Temos os mesmos intereses, os da maioría, os da xente. Nese punto é fácil o encontro, e nel estaremos os do BNG de Cambre.

Sabemos do carácter conciliador e de aposta polo diálogo da Conselleira Táboas, teno demostrado, seguro que os posíbeis afectados polos proxectos van atopar solucións aos problemas que poidan aparecer.

Non é o momento de falar diso, tempo haberá, pero poderíamos preguntarmonos se isto sería necesario de ter contado os últimos anos cun planeamento municipal elaborado para cumprir cos desexos da maioría. A resposta é doada, creo.


Xabie Iglesias

Contra a violencia machista, que máis se pode facer?

Artigos Non hai comentarios

Cambre, 12 de novembro de 2008.- Dentro dun rato, veciñas e veciños, persoal funcionario, representantes institucionais, concentrarémonos diante do concello, baixo as bandeiras de loito desde onte, para manifestarmos unha vez máis, a nosa dor e repulsa polo asesinato dunha muller, outro máis.

Lendo o acontecido, un se pregunta que máis se pode facer. Que máis poden facer as institucións, que medidas tomar. Que outra cousa lle queda por facer á sociedade para evitar estes crimes. Como impedir esta barbaridade, de que un home, nun espazo privado ou sen testemuñas, poida agredir a unha muller.

Ademais, este caso, segundo as informacións, escápase da posíbel acción protectora ou disuasoria, da capacidade de prevención. Unha muller estranxeira, vivindo no País irmán, que se despraza a Galiza sen pasar por control de fronteiras algún. O normal nesta Europa que queremos. Sen denuncias previas. Nunha auto autoestrada, nun veículo privado,…, todo acaba. É tan fácil matar a alguén, sobre todo cando un cre ser o propietario¡

E claro, é a sensación de impotencia a que domina. Nin siquera os máis irreflexivos poderían pretender un sistema de “vixiancia absoluta”. Sempre habería espazos para o crime.

Pero hai saída, hai moito que facer. A prevención, a disuasión, pasa por dirixirse aos espazos máis íntimos das persoas, ás súas conciencias. E niso é no que nos temos que empeñar. Seguramente tardaremos moito tempo, xeneracións, pero é a única maneira de evitalo. As institucións e poderes públicos teñen a obriga de continuar poñendo en marcha o entramado lexislativo e normativo necesario, de dotarse dos medios de prevención e axuda suficientes. A sociedade ten que pechar filas para que cada vez sexan menos e máis reducidos os espazos de impunidade para os agresores. E necesitamos con urxencia mover as conciencias das persoas, unha educación en igualdade que faga inconcebíbel unha relación de dominio sobre as mulleres.

Nesto último é ao que todos e todas podemos contribuír. Cada quen desde o seu ámbito de actuación. Porque todos sabemos que non se trata de accidentes, ou de episodios de alteración ou desequilibrio. Fanno porque cren que o poden facer e, iso é o que hai que romper.

Nestas datas, próximas ao 25 de novembro, xa temos un nome e unha cara que poñer, na que concentrar a mirada cando saiamos a reivindicar que pare a violencia machista. Terríbel imaxe que nos responsabiliza a todos. Porque, podemos facer moito¡

Xabier Iglesias

Hai luz verde para o Plan Xeral?

Sem categoria Non hai comentarios

Cambre, 1 de novembro de 2008.- No mesmo pleno municipal ao que me refería na anterior entrada, o do xoves 30, a Corporación tomou outra trascendente decisión, a de rescindir o contrato coa empresa redactora do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Unanimidade, que ben¡ diría calquera, pero todo ten matices.

Había que facelo, creo que até o Alcalde deuse conta de que a situación era insostíbel. Máis de dez anos cun contrato para nada. Un concello en expansión como o noso, rexíndonos por normativas obsoletas e contrarias á mínima racionalidade.  Un discuro no que todas as forzas políticas coindidimos. Aínda que todas non, os socialistas non abriron a boca. Como se non fora con eles.  Os demais si, o falar non ten cancela. Claro, até que desde o BNG lles tivemos que lembrar cales foron as posicións de cada quen  cando se mandou a proposta de Plan Xeral para a súa aprobación pola Xunta, en maio de 2003.  Proposta votada a favor por Psoe e PP.   O BNG non a apoiou e advertíu, ademais, da ilegalidade do documento, entre outras barbaridades por non incluír o trazado da Vía Ártabra. E pasou o que pasou, que foi rexeitado.

Na pasada lexislatura foi o Psoe o responsábel do urbanismo, desde o BNG aportamos estabilidade a un goberno para que todos poideramos “facer os deberes”. Houbo quen os fixemos e houbo quen non e por iso seguimos a voltas co Plan Xeral.

Díxenno no pleno, o que pasou é coñecido dos cidadáns e chegado o momento saberán decidir. Nós, como forza política, queremos mirar ao futuro. Queremos contribuír a que o documento urbanístico se aprobe canto antes, queremos tender a  man para chegar a acordos de amplo respaldo político e cidadán.  Outros que sigan mirando ao pasado, nós queremos construír.

Semella, oindo os discursos, que todos queremos o Plan Xeral, estupendo. Pero, que Plan?  Agardo que pronto podamos comezar a entrar no fondo do asunto, nos contidos e na estratexia de planeamento. Veremos, nese momento, até onde chega a coincidencia. Comprobaremos, nese punto, o que entende cada quen por “interese xeral”.

Xabier Iglesias

O acordo para as contas de 2008 comeza a dar resultados

Artigos Non hai comentarios

Cambre, 31 de outubro de 2008.- O acordo acadado en agosto para aprobar os orzamentos deste ano, comeza a funcionar. Xa dixeramos que a única condición era o cumprimento do asinado, que queriamos que quen goberna, gobernara.  No pleno ordinario celebrado onte, xoves 30 de outubro, a corporación ratificou por unanimidade o acordo acadado polo BNG e o PSOE para a cesión ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, dunha parcela no barrio do Temple para a construción da segunda Galescola de Cambre e o primeiro Centro de Día para persoas maiores.

Seguramente, os lectores de prensa diaria quedarán sorprendidos ao saber isto. Nos medios o que destacou foi a dinamita do PP, que utimamente dispara a todo o que se move, poñendo en cuestión até aos altos funcionarios encargados da fiscalización e control das contas. Parafraseando aos veciños de Axterix, “estes romanos tolearon¡” Onde vai o PP? Con esta liña de actuación é evidente. A enquistarse nunha oposición marxinal e tremendista.  Insisten en tirar contra o BNG, contra a nosa xestión no goberno anterior, e chegan ao paroxismo de votar en contra do pago dunha factura polo remate das instalación dun centro de Servizos Sociais, que veciñas e veciños levan disfrutand desde hai tres anos. O dito, tolearon.

Pero ao noso, mentres uns prefiren aquilo de “canto peor, mellor”, desde o BNG adicámonos a obter equipamentos e servizos para a xente. Sexa desde o goberno, ou desde a oposición. Con esta decisión tomada onte, nun prazo razonábel, agardamos que pouco máis dun ano, sesenta persoas maiores do noso concello poderán dispor de atención de día e, outros oitenta rapaces poderán ter praza  de educación de infantil de calidade.  O nacionalismo é útil e significa benestar para a nosa xente.

Xabier Iglesias
Mais información :