Hai luz verde para o Plan Xeral?
Novembro 1, 2008 2:13 pm Sem categoriaCambre, 1 de novembro de 2008.- No mesmo pleno municipal ao que me refería na anterior entrada, o do xoves 30, a Corporación tomou outra trascendente decisión, a de rescindir o contrato coa empresa redactora do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Unanimidade, que ben¡ diría calquera, pero todo ten matices.
Había que facelo, creo que até o Alcalde deuse conta de que a situación era insostíbel. Máis de dez anos cun contrato para nada. Un concello en expansión como o noso, rexíndonos por normativas obsoletas e contrarias á mínima racionalidade. Un discuro no que todas as forzas políticas coindidimos. Aínda que todas non, os socialistas non abriron a boca. Como se non fora con eles. Os demais si, o falar non ten cancela. Claro, até que desde o BNG lles tivemos que lembrar cales foron as posicións de cada quen cando se mandou a proposta de Plan Xeral para a súa aprobación pola Xunta, en maio de 2003. Proposta votada a favor por Psoe e PP. O BNG non a apoiou e advertíu, ademais, da ilegalidade do documento, entre outras barbaridades por non incluír o trazado da Vía Ártabra. E pasou o que pasou, que foi rexeitado.
Na pasada lexislatura foi o Psoe o responsábel do urbanismo, desde o BNG aportamos estabilidade a un goberno para que todos poideramos “facer os deberes”. Houbo quen os fixemos e houbo quen non e por iso seguimos a voltas co Plan Xeral.
Díxenno no pleno, o que pasou é coñecido dos cidadáns e chegado o momento saberán decidir. Nós, como forza política, queremos mirar ao futuro. Queremos contribuír a que o documento urbanístico se aprobe canto antes, queremos tender a man para chegar a acordos de amplo respaldo político e cidadán. Outros que sigan mirando ao pasado, nós queremos construír.
Semella, oindo os discursos, que todos queremos o Plan Xeral, estupendo. Pero, que Plan? Agardo que pronto podamos comezar a entrar no fondo do asunto, nos contidos e na estratexia de planeamento. Veremos, nese momento, até onde chega a coincidencia. Comprobaremos, nese punto, o que entende cada quen por “interese xeral”.
Xabier Iglesias



