Contra a violencia machista, que máis se pode facer?

12:27 pm Artigos

Cambre, 12 de novembro de 2008.- Dentro dun rato, veciñas e veciños, persoal funcionario, representantes institucionais, concentrarémonos diante do concello, baixo as bandeiras de loito desde onte, para manifestarmos unha vez máis, a nosa dor e repulsa polo asesinato dunha muller, outro máis.

Lendo o acontecido, un se pregunta que máis se pode facer. Que máis poden facer as institucións, que medidas tomar. Que outra cousa lle queda por facer á sociedade para evitar estes crimes. Como impedir esta barbaridade, de que un home, nun espazo privado ou sen testemuñas, poida agredir a unha muller.

Ademais, este caso, segundo as informacións, escápase da posíbel acción protectora ou disuasoria, da capacidade de prevención. Unha muller estranxeira, vivindo no País irmán, que se despraza a Galiza sen pasar por control de fronteiras algún. O normal nesta Europa que queremos. Sen denuncias previas. Nunha auto autoestrada, nun veículo privado,…, todo acaba. É tan fácil matar a alguén, sobre todo cando un cre ser o propietario¡

E claro, é a sensación de impotencia a que domina. Nin siquera os máis irreflexivos poderían pretender un sistema de “vixiancia absoluta”. Sempre habería espazos para o crime.

Pero hai saída, hai moito que facer. A prevención, a disuasión, pasa por dirixirse aos espazos máis íntimos das persoas, ás súas conciencias. E niso é no que nos temos que empeñar. Seguramente tardaremos moito tempo, xeneracións, pero é a única maneira de evitalo. As institucións e poderes públicos teñen a obriga de continuar poñendo en marcha o entramado lexislativo e normativo necesario, de dotarse dos medios de prevención e axuda suficientes. A sociedade ten que pechar filas para que cada vez sexan menos e máis reducidos os espazos de impunidade para os agresores. E necesitamos con urxencia mover as conciencias das persoas, unha educación en igualdade que faga inconcebíbel unha relación de dominio sobre as mulleres.

Nesto último é ao que todos e todas podemos contribuír. Cada quen desde o seu ámbito de actuación. Porque todos sabemos que non se trata de accidentes, ou de episodios de alteración ou desequilibrio. Fanno porque cren que o poden facer e, iso é o que hai que romper.

Nestas datas, próximas ao 25 de novembro, xa temos un nome e unha cara que poñer, na que concentrar a mirada cando saiamos a reivindicar que pare a violencia machista. Terríbel imaxe que nos responsabiliza a todos. Porque, podemos facer moito¡

Xabier Iglesias



Fai un comentario!!!

O teu comentario

Pode usar as seguintes etiquetas HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Nota: Estaá habilitada a moderación de comentarios, e a publicacións dos mesmos retrasarase un pouquiño. Non é necesario que reenvíes o teu comentario. Grazas.