Contra a violencia machista, que máis se pode facer?
Novembro 12, 2008 12:27 pm ArtigosCambre, 12 de novembro de 2008.- Dentro dun rato, veciñas e veciños, persoal funcionario, representantes institucionais, concentrarémonos diante do concello, baixo as bandeiras de loito desde onte, para manifestarmos unha vez máis, a nosa dor e repulsa polo asesinato dunha muller, outro máis.
Lendo o acontecido, un se pregunta que máis se pode facer. Que máis poden facer as institucións, que medidas tomar. Que outra cousa lle queda por facer á sociedade para evitar estes crimes. Como impedir esta barbaridade, de que un home, nun espazo privado ou sen testemuñas, poida agredir a unha muller.
Ademais, este caso, segundo as informacións, escápase da posíbel acción protectora ou disuasoria, da capacidade de prevención. Unha muller estranxeira, vivindo no País irmán, que se despraza a Galiza sen pasar por control de fronteiras algún. O normal nesta Europa que queremos. Sen denuncias previas. Nunha auto autoestrada, nun veículo privado,…, todo acaba. É tan fácil matar a alguén, sobre todo cando un cre ser o propietario¡
E claro, é a sensación de impotencia a que domina. Nin siquera os máis irreflexivos poderían pretender un sistema de “vixiancia absoluta”. Sempre habería espazos para o crime.
Pero hai saída, hai moito que facer. A prevención, a disuasión, pasa por dirixirse aos espazos máis íntimos das persoas, ás súas conciencias. E niso é no que nos temos que empeñar. Seguramente tardaremos moito tempo, xeneracións, pero é a única maneira de evitalo. As institucións e poderes públicos teñen a obriga de continuar poñendo en marcha o entramado lexislativo e normativo necesario, de dotarse dos medios de prevención e axuda suficientes. A sociedade ten que pechar filas para que cada vez sexan menos e máis reducidos os espazos de impunidade para os agresores. E necesitamos con urxencia mover as conciencias das persoas, unha educación en igualdade que faga inconcebíbel unha relación de dominio sobre as mulleres.
Nesto último é ao que todos e todas podemos contribuír. Cada quen desde o seu ámbito de actuación. Porque todos sabemos que non se trata de accidentes, ou de episodios de alteración ou desequilibrio. Fanno porque cren que o poden facer e, iso é o que hai que romper.
Nestas datas, próximas ao 25 de novembro, xa temos un nome e unha cara que poñer, na que concentrar a mirada cando saiamos a reivindicar que pare a violencia machista. Terríbel imaxe que nos responsabiliza a todos. Porque, podemos facer moito¡
Xabier Iglesias



