Vivenda protexida para a nosa xente, aproveitemos a oportunidade
Novembro 17, 2008 10:45 pm Sem categoriaCambre, 17 de novembro de 2008.- Hai ben pouco tempo, calquera mozo ou moza con idea de se emancipar, ou xente maior que quixer obter a súa propia vivenda, atopábase con problemas irresolúbeis. Só o mercado libre ofertaba vivendas e, os prezos eran inalcanzábeis. Hipotecas máis parecidas a condenas perpetuas e condicións de vida de auténtica penuria era o que lles esperaba.
E chegou a crise. Agora nin iso porque a banca non solta un euro nin nas condicións máis leoninas. As vivendas protexidas, de protección pública ou prezo taxado, inexistentes. O panorama resulta penoso.
Por iso é máis importante o proxecto da Consellería de Vivenda e Solo. Por iso, a determinación da conselleira é de obrigado recoñecemento. Porque nun período de tempo razoábel haberá no mercado un número suficiente de vivendas para a xente, con estándares de calidade elevados, con prezo regulado e, en lugares céntricos e non afastados dos principais núcleos. Porque ademais, construiranse novos barrios dotados de zonas verdes, de equipamentos comunitarios, das infraestruturas necesarias.
En moitas zonas, como é o noso caso de Cambre, virá a suplir unha planificación urbanística, unha ordenación do territorio, non realizada polo goberno municipal.
Promoverá a economía local, a construción e as empresas auxiliares, a hostalaría. Vai supor, nos próximos dez anos, todo un motor para a nosa economía local.
Diante disto hai que adoptar unha posición responsábel. Pódese negociar ou aportar modificacións que melloren os proxectos. Incluso axudar aos afectados obter maiores contrapartidas polas súas propiedades. Pero o que non se pode facer, desde a responsabilidade de quen debería defender o interese xeral, é tirar pedras contra a maioría, situarse á marxe das necesidades da nosa xente.
É unha vergoña ver algunhas actitudes que sen a mínima información e con total desprezo pola verdade utilizan a demagoxia máis ruín para descualificar un proxecto necesario. Alá eles¡ Todos e todas sabemos que a dereita deste País non quere vivendas protexidas. Xa o demostraron, tiveron máis de tres lustros o poder nas súas mans e non as fixeron. Que deixen traballar polo menos, que non estorben¡
Xabier Iglesias



