Vivenda protexida para a nosa xente, aproveitemos a oportunidade

Sem categoria Non hai comentarios

Cambre, 17 de novembro de 2008.- Hai ben pouco tempo, calquera mozo ou moza con idea de se emancipar, ou xente maior que quixer obter a súa propia vivenda, atopábase con problemas irresolúbeis. Só o mercado libre ofertaba vivendas e, os prezos eran inalcanzábeis. Hipotecas máis parecidas a condenas perpetuas e condicións de vida de auténtica penuria era o que lles esperaba.

E chegou a crise. Agora nin iso porque a banca non solta un euro nin nas condicións máis leoninas. As vivendas protexidas, de protección pública ou prezo taxado, inexistentes. O panorama resulta penoso.

Por iso é máis importante o proxecto da Consellería de Vivenda e Solo. Por iso, a determinación da conselleira é de obrigado recoñecemento. Porque nun período de tempo razoábel haberá no mercado un número suficiente de vivendas para a xente, con estándares de calidade elevados, con prezo regulado e, en lugares céntricos e non afastados dos principais núcleos. Porque ademais, construiranse novos barrios dotados de zonas verdes, de equipamentos comunitarios, das infraestruturas necesarias.

En moitas zonas, como é o noso caso de Cambre, virá a suplir unha planificación urbanística, unha ordenación do territorio, non realizada polo goberno municipal.

Promoverá a economía local, a construción e as empresas auxiliares, a hostalaría. Vai supor, nos próximos dez anos, todo un motor para a nosa economía local.

Diante disto hai que adoptar unha posición responsábel. Pódese negociar ou aportar modificacións que melloren os proxectos. Incluso axudar aos afectados obter maiores contrapartidas polas súas propiedades. Pero o que non se pode facer, desde a responsabilidade de quen debería defender o interese xeral, é tirar pedras contra a maioría, situarse á marxe das necesidades da nosa xente.

É unha vergoña ver algunhas actitudes que sen a mínima información e con total desprezo pola verdade utilizan a demagoxia máis ruín para descualificar un proxecto necesario. Alá eles¡ Todos e todas sabemos que a dereita deste País non quere vivendas protexidas. Xa o demostraron, tiveron máis de tres lustros o poder nas súas mans e non as fixeron. Que deixen traballar polo menos, que non estorben¡

Xabier Iglesias

Hai luz verde para o Plan Xeral?

Sem categoria Non hai comentarios

Cambre, 1 de novembro de 2008.- No mesmo pleno municipal ao que me refería na anterior entrada, o do xoves 30, a Corporación tomou outra trascendente decisión, a de rescindir o contrato coa empresa redactora do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Unanimidade, que ben¡ diría calquera, pero todo ten matices.

Había que facelo, creo que até o Alcalde deuse conta de que a situación era insostíbel. Máis de dez anos cun contrato para nada. Un concello en expansión como o noso, rexíndonos por normativas obsoletas e contrarias á mínima racionalidade.  Un discuro no que todas as forzas políticas coindidimos. Aínda que todas non, os socialistas non abriron a boca. Como se non fora con eles.  Os demais si, o falar non ten cancela. Claro, até que desde o BNG lles tivemos que lembrar cales foron as posicións de cada quen  cando se mandou a proposta de Plan Xeral para a súa aprobación pola Xunta, en maio de 2003.  Proposta votada a favor por Psoe e PP.   O BNG non a apoiou e advertíu, ademais, da ilegalidade do documento, entre outras barbaridades por non incluír o trazado da Vía Ártabra. E pasou o que pasou, que foi rexeitado.

Na pasada lexislatura foi o Psoe o responsábel do urbanismo, desde o BNG aportamos estabilidade a un goberno para que todos poideramos “facer os deberes”. Houbo quen os fixemos e houbo quen non e por iso seguimos a voltas co Plan Xeral.

Díxenno no pleno, o que pasou é coñecido dos cidadáns e chegado o momento saberán decidir. Nós, como forza política, queremos mirar ao futuro. Queremos contribuír a que o documento urbanístico se aprobe canto antes, queremos tender a  man para chegar a acordos de amplo respaldo político e cidadán.  Outros que sigan mirando ao pasado, nós queremos construír.

Semella, oindo os discursos, que todos queremos o Plan Xeral, estupendo. Pero, que Plan?  Agardo que pronto podamos comezar a entrar no fondo do asunto, nos contidos e na estratexia de planeamento. Veremos, nese momento, até onde chega a coincidencia. Comprobaremos, nese punto, o que entende cada quen por “interese xeral”.

Xabier Iglesias

Nenos sen colexio, mulleres sen traballo.

Sem categoria Non hai comentarios

Cambre, 20 de xuño de 2008.- Esta semana recibimos, no BNG de Cambre, un correo dunha veciña que nos encheu de desacougo.  O de sempre, xente que queda sen acceso aos servizos de benestar que, a maioría, pensamos que xa son univerais. E son sete os cativos na mesma situación.

Imaxinen, no Temple (Cambre), con dous colexios públicos na parroquia onde vive, un deles fronte a súa casa, non consigue aula para o seu fillo. A solución, decidida pola delegación provincial de educación e polo Concello é envialo a un colexio, da parroquia máis lonxana, a Brexo, que non ten horarios adaptados nin servizos de conciliación (almorzos e comedor), que lle permitan, á nai que nos escribe,  manter a súa actividade laboral. Tamén é mala sorte¡ Dos cinco colexios públicos de Cambre, mándannos ao único que non conta con estes servizos.

A estas alturas a ampliación do colexio que lles corresponde, o do Graxal, debería estar case acabando e, non comezou ainda. O Alcalde terá que explicar por que lle deu tantas voltas ás negociacións cos propietarios do tereeo, para acabar firmando un convenio urbanístico só beneficioso para eles. Por iso, por iniciativa do BNG, o Pleno de Cambre decidiu que non se edificará máis xunto ao colexio, que esas parcelas serán exclusivamente para uso público.

No día de hoxe, grazas ao esforzo realizado polo BNG na pasada lexislatura, en Cambre hai programas e servizos de conciliación para as familias, programas que axudan á igualdade real das mulleres. Froito deses investimentos, da negociación con outras institucións e da colaboración coas ANPAS, as nenas e nenos poden almorzar e xantar nos colexios. As familias téñenno un pouco mellor. Pero o problema son as prazas escolares, que non chegan. Curso tras curso hai que andar parcheando. Esíxese un esforzo de xestión, de imaxinación e de vontade. Polo que se ve, para este comezo de curso, no Graxal, non houbo nada diso.

No pleno da vindeira semana, o día 26, trataremos este asunto. Veremos que responde o actual responsábel municipal de educación.

Xabier Iglesias