3 Xuño, 2008
Artigos
Non hai comentarios
Cambre, 2 de xuño de 2008.- Hoxe tivemos unha reunión para tratar sobre a vía Ártabra, ou vía 13, do Plano viario comarcal. É unha longa historia da que , seguro, falarei en máis ocasións.
Hoxe tratábase de ter unha xuntanza dos grupos municipais coas asociacións de afectados constituídas en Cambre, como “previa” á Comisión Informativa de mañá e ao Pleno extraordinario do mércores.
Non quero ser especialmente duro na cualificación do sucedido, pero para calquera que a vivise, definila como patética non lle resultaría raro.
Outra vez, o Alcalde fai unha demostración de impotencia, de que ninguén o recoñece como interlocutor, de que cada vez está máis só e illado. De que, ademais, non trae proposta algunha.
Recoñece que a estas alturas –o día 8 remata o prazo para presentarmos alegación como concello- non falou aínda con ninguén da Consellaría de Política Territorial, que non lle “collen o teléfono”. Iso que son socialistas como el.
Amosa –non sei se será o peor- que non ten en absoluto preparado o asunto do que iamos falar. Que non coñece máis que algúns “lugares comúns”, o mesmos que a maioría dos habitantes da comarca poderían repetir. Non coñece as ideas, estratexias e puntos fortes dun proxecto metropolitano que el, como Alcalde, asinou no 1997.
Desde o BNG defendemos e defenderemos un bo proxecto para Cambre pero, tamén, para todos os nosos veciños e veciñas da comarca. O Plano Viario, como parte importante do sistema de accesibilidade da comarca, ten que botarse a andar. Só hai que traballar, ten que interesar.
Xabier Iglesias
31 Maio, 2008
Artigos
Non hai comentarios
Cambre, 31 de maio de 2008.- Xa o comentei onte, á voz de : “levántase a sesión”, volta á normalidade. E tal cal, hoxe o Alcalde xoga ao Dominó nese trofeo montado por el e que pagamos todos e, a concelleira de Medioambiente aparece na prensa anunciando a semana “Ecocambre-08”. Por fin oposición está calada e, sobre todo os do bloque, que pesados¡
Sería para sorrir se non fora porque a situación é esperpéntica. Aparéntase normalidade cando todo está por facer, simúlase interese polo medioambiente cando acaban de tolerar graves atentados contra o noso patrimonio.
Mentres un busca o seis dobre para abrir partida, a poucos metros acaba de consumarse a tala dun bosque mixto que bordea o espazo natural do encoro de Cecebre –nada menos que Rede Natura-. E sen licenza, e con orde de paralización, pero da igual. Hoxe trátase de sumar menos que o contrario e gañar o campionato, de cerrar antes que os contrarios. Iso é o que importa. Gañar tempo, en fin, até o próximo mes.
Xabier Iglesias
Recoméndovos esta colaboración da miña compañeira do grupo municipal, Laura Fernández http://www.blogoteca.com/bngdecambre/index.php?cod=40348
30 Maio, 2008
Artigos
Non hai comentarios

Cambre, 30 de maio de 2008.- Onte tivemos pleno, si, xa me refería a el na anterior entrada. Hoxe, diante do teclado, teño sensacións contraditorias. Que pasou realmente? Cales son as conclusións que poden tirar os asistentes? Realmente, de que serviu?
Unha nova demostración de debilidade e incapacidade dun goberno que non goberna. Unha vez máis, a constatación de que a quen o preside lle importan ben pouco as cousas que lle interesan a xente. De novo a comprobación que o único que perseguen este Alcalde e os seus é mantérense no poder, só por iso, sen importarlles soportar unha derrota en toda regra, sen arroibar tan sequera.
Non teñen a lexitimidade dos votos do Pleno pero é igual, coma sempre, parece que todo o seu problema é soportar a “insolencia” duns grupos da oposición que nos permitimos dicirlle á cara, unha vez ao mes, que non fai nada e que non goberna. Logo, coa famosa frase de “levántase á sesión”, aló pola media noite, despedímonos até o próximo mes. Mes, non que volverá a non se facer nada, no que continuarán as talas ilegais, no que volveremos a ler na prensa que os orzamentos virán para o mes (para o seguinte, claro, e será xullo).
Mentres, todo parado, e a culpa dos demais, probe Alcalde¡ ninguén o comprende¡ Até nos permitimos denunciar que o concelleiro de Facenda gaste fondos municipais en visitar as feiras de Camden Town e Portobello en Londres sen ter os orzamentos presentados, que desfachatez¡
Xabier Iglesias
29 Maio, 2008
Artigos
3 Comentarios
Cambre, 29 de maio de 2008.- É un día importante para o Concello. Temos Pleno Ordinario e, moitos son os asuntos que merecen reflexión e que debateremos á tardiña. Levo días traballando neles cos meus compañeiros do grupo municipal e, tiña pensado dedicarlles unhas notas. Pero algo me fixo cambiar de planes. Ademais, a información estivo estes días na prensa e se pode consultar no noso blog, www.bngcambre.org
Pois si, chegando a casa do traballo, onte á tarde, no panel luminoso de información municipal do Paraugas do Temple, encóntrome con esta frase: “VIAJE A LA TOJA…”, en letras ben grandes e refulxentes. Que si¡, que é certo¡, quedei impactado. Dalgunha maneira tiven un sentimento de rexuvenecemento, volvín por uns intres a aqueles tempos mozos nos que, “armados” de bote de pintura e brocha, percorriamos a comarca poñendo en orde a toponimia dos rótulos das estradas: Arteijo, Injertos, La Coruña, El Temple,… que co noso espírito “irredento” e ilusionado trocabamos á lingua propia.
Pero, hoxe, como se planta un “X” de dignidade a estes rótulos modernos e cibernéticos? Coido que non chega cun pouco de pintura e un moito de ilusión.
Galiza non se merece a estes incultos.
E aínda estamos no mes das letras…
Xabier Iglesias
29 Maio, 2008
Artigos
Non hai comentarios
Cambre, 28 de maio de 2008.-Xa pasou un ano. Acabamos de cumprir un ano desde as eleccións municipais. Daquela, por estas datas aínda estabamos dándolle voltas ás explicacións necesarias. E que rápido pasou¡ Non sei se máis que do cambio climático que tanto se fala, non habería que centrarse no cambio cronolóxico, os anos de antes duraban máis¡ En fin, o caso é que se abriu un novo período no Concello. Novos tempos con novas caras, iso si, presididas polo de sempre e eterno Alcalde.
Consumado o acordo secreto popular-socialista para apartar ao BNG do poder e, recoñecendo, naturalmente, que a nosa forza electoral non abondou para evitalo, vémonos metidos na peor crise de gobernabilidade que tivo Cambre en toda a súa historia. Un Alcalde que non exerce, que lle veñen enriba os problemas de todas partes, que non é capaz de poñer orde nin no seu goberno. Unha administración paralizada e unha total ausencia de relacións coas demais institucións definen este período que está a levar á xestión municipal ás peores cifras que se recordan.
Mentres, desde a oposición, o BNG tentou todas as maneiras posíbeis de “estimular” ao goberno. Con críticas duras e control férreo das desfeitas e irregularidades na xestión, pero tamén con propostas en positivo, con alternativas a moitos dos problemas e carencias que padecen os cidadáns. Non houbo maneira, non se decatan. Tanto ten que lles indiques que por aí van mal, que se van espetar, como que lles digas que camiño tomar e qué facer. A xordeira instalouse definitivamente nun Alcalde e nun goberno que fai o peor que pode facer un goberno: non gobernar.
Xabier Iglesias
26 Maio, 2008
Artigos
1 Comentario
Cambre, 20 de maio de 2008.- O PP ten un problema en Cambre –como se non tivera poucos por todas partes¡- hai tempo que necesita un compás, non sabe onde vai. E claro, tenta camuflar a súa falla de orientación, facendo movementos en círculo, por certo, ben pequenos, para dar a sensación de que se move.
Non sabe que facer cos orzamentos deste goberno socialista en minoría e se saca da manga un “pleno monográfico sobre o Temple” para condicionar, din, a súa decisión. E pretenden confundir á cidadanía para camuflar a súa falla de decisión.
Saben que están nunha posición difícil, onde eles mesmos se colocaron, e non teñen a coraxe de enfrontar a situación. E buscan unha desculpa, unha cortina de fume para se ocultar.
Acaban de destituír ao seu portavoz municipal por suposta conivencia co alcalde socialista e, claro, non poden agora apoiar uns orzamentos sen buscar algunha desculpa aparentemente críbel. Para iso o destitúen? Preguntaríanse sorprendidos os votantes populares. Tampouco poden caer na política de acoso descarnado á minoría gobernante porque, segundo círculos populares, “entregarían o goberno á cobiza nacionalista”.
Bo dilema, si señor. E isto ocorre porque non hai costume de facer política de verdade. Porque, chegados aquí, hai que facer algo máis que atacar ao BNG ou preguntar sobre farois e fochancas. Hai que determinar o rumbo do goberno. Hai que decidir. Ou o que fixeron até agora, pero de maneira avergoñada, apoiar ao goberno, ou mellor, deixalo facer. Ou tomar unha postura clara de oposición que é o que son.
E para iso non se convoca un Pleno baseado en preguntas, das que todos e todas en Cambre coñecemos as respostas. Para iso non se fan preguntas, se presentan propostas de resolución para votar, para decidir, para condicionar a acción de goberno.
Os problemas do Temple non se solucionan cunhas preguntas nun pleno e cunha rolda de prensa na rúa. Soluciónanse con políticas decididas e firmes, con solucións que verán a luz no medio prazo. Corrixir as desfeitas provocadas por este alcalde durante case tres décadas non é cousa dunhas declaracións nun Pleno.
Se o teñen tan claro que se decidan, sigan apoiar a este alcalde, déixeno seguir a facer, ou métanse con el a gobernar. Constitúan un goberno forte, que traballe, que teña estabilidade.
O resto son foguetes de feira.
16 Maio, 2008
Artigos
1 Comentario
Cambre, 16 de maio de 2008.- Había tempo que o quería intentar. A verdade é que buscar o momento supón, ás veces, unha misión imposíbel pero, desta, vai seguro. E aquí estou, para poñer en común reflexións e comentarios sobre as cousas que me preocupan, e me ocupan. Saúdo, pois, a navegantes.
Aínda que xa levo anos de singradura na rede, é a primeira vez que o fago de maneira pública e directa. Agardo vos poder interesar coas miñas opinións e, recibir os vosos comentarios.
E non é mal mes para comezar, encerra moita simboloxía. En primeiro lugar porque maio é o mes das nosas letras. Estamos na véspera dunha data de referencia no noso calendario nacional. Cando honramos, precisamente, a mulleres e homes que teñen contribuído a que sexamos máis Nación. E que o fixeron e fan dunha maneira sólida e eterna, con algo indestrutíbel, coa palabra. Este domingo, en Compostela, teremos ocasión de contribuír co noso alento e forza colectiva a sumar primaveras para a nosa lingua. Este novo espazo, en galego, no mundo virtual, quere ser unha humilde achega á festa da palabra.
En segundo lugar porque xusto se cumpre un ano desde as últimas eleccións municipais e, moitas cousas teñen cambiado no noso concello desde aquela. Isto será o fío condutor das miñas reflexións e, de verdade, hai moito do que falar. Para abrir boca: Cambre é un dos concellos de Galiza onde se comproba unha forte tendencia do Psoe a prescindir do BNG e, tentar o apoio do PP para sustentar gobernos minoritarios. Podería semellar unha excepción no panorama municipal galego pero, vendo o número de casos, compróbase que se trata dunha corrente de fondo consolidada. Teremos ocasión de afondar neste asunto.
En fin, o noso País e o meu concello. Mil cousas sobre as que espero compartir ideas.
Xabier Iglesias
Entradas Recentes »