O blog de Xosé Anxo Laxe » Blog Archive » Galescolas, por que non en Lugo?

Galescolas, por que non en Lugo?

11:52 am Política

Coa creación do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, o Goberno da Xunta está a levar a cabo un ambicioso proxecto en materia de servizos sociais en Galiza baseado na colaboración entre administracións. Esta fórmula está posibilitando a creación dunha ampla rede de centros de día e escolas infantís ao longo da nosa xeografía. Lugo, incomprensiblemente, é a única das cidades galegas que non está no Consorcio, polo capricho do seu alcalde, lastrando gravemente os servizos sociais da cidade.

Durante moitos anos, a política social foi ofrecida aos cidadáns a cambio de prebendas políticas, aproveitando as necesidades da xente para asegurar a fidelidade do seu voto. Coa súa chegada á Xunta, o BNG quixo mudar esa inercia política. O BNG ve os servizos sociais como un dereito universal da poboación, que precisa de cobertura, e non como unha esmola ou caridade. E establécese unha fórmula novidosa de cooperación entre administracións públicas, porque tendo competencias en materia de servizos sociais tanto os Concellos como a Xunta, era lóxico que cooperasen na creación dunha rede de servizos sociais ampla e completa. Desa evidencia crease no 2006 o Consorcio, formado actualmente pola propia Xunta de Galiza e por máis de 250 Concellos de todo o país e de todas as cores políticas.

Precisamente é neste punto onde se torna máis incomprensible aínda a negativa de Orozco ao Consorcio, malia ser xa neste momento un compromiso de todos os alcaldes das principais cidades galegas. Lugo segue fóra por un mero perxuizo ideolóxico do seu alcalde, porque se as galescolas son boas para a Coruña, Pontevedra, Vigo e Santiago, para Ferrol e para Ourense, por que son malas para Lugo? Non quere Orozco que os nenos e nenas da nosa cidade reciban ensino en galego, igual que o do resto de cidades? Non concorda Orozco co proxecto educativo aprobado pola Consellaría de Educación? As razóns do seu rexeitamento son aínda máis difíciles de entender se observamos as carencias que padece a día de hoxe Lugo neste eido, onde 200 familias agardan en lista de espera por unha praza para poder mandar aos seus nenos e nenas a unha escola infantil pública. Estando nesta situación, como o Concello rexeita a axuda da Xunta de Galiza, condenando aos lugueses e luguesas a uns servizos sociais de peor calidade que no resto de cidades galegas?

Coido que é un capricho irresponsable de quen pretende ser o novo Paco Vázquez da política galega, de quen escolleu o camiño da confrontación coa Xunta fronte ao da cooperación, de quen se converteu no líder dos alcaldes insurrectos do PP e do PSOE contra as medidas máis sociais e progresistas da Xunta de Galiza. Desde a Vicepresidencia o BNG está traballando na dirección correcta para dotar a todo o país duns servizos sociais modernos e de calidade. Orozco quere ir por libre reivindicando un concepto erróneo de autonomía municipal, e iso significa desaproveitar un gran pacto social galego polo estado de benestar, que convirte de facto a Lugo na cidade-Estado de Orozco, illada das grandes liñas da política social da Xunta.



Un comentario

  1. manuel Di:

    Por esa insoladaridad, con el pueblo de Lugo merece una moción de censura que vaya a la oposición.Animo señores Laxe y Garcia Diez.

Fai un comentario!!!

O teu comentario

Pode usar as seguintes etiquetas HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Nota: Estaá habilitada a moderación de comentarios, e a publicacións dos mesmos retrasarase un pouquiño. Non é necesario que reenvíes o teu comentario. Grazas.