Os cambios no Goberno de Orozco
Xullo 9, 2008 2:33 pm Cousas do ConcelloCun ano transcorrido dende as últimas eleccións municipais afrontamos neste momento na cidade de Lugo a primeira crise de goberno. Pero neste caso a utilización do termo vai moito máis aló da definición que na tradición democrática se dá de crise de goberno para referirse a un periodo de cambio dentro dun Executivo sen que medien eleccións. Porque semella claro que a remodelación anunciada esta semana no Goberno municipal como consecuencia da marcha de Liñares deixou ao descuberto unha verdadeira e preocupante crise de goberno de moito maior calado e que merece a pena analizar.
En primeiro lugar, que Orozco tivese que fichar a unha persoa externa para levar Urbanismo conduce directamente a facer unha reflexión dorosa para os cidadáns de Lugo: entre os concelleiros do PSOE que nos están a gobernar non había ninguén capacitado para facerse cargo desa área. Certamente, coa súa decisión, Orozco vén de deixar en evidencia a todos os seus concelleiros e a demostrar que tén un Goberno débil e mediocre.
Pero este nomeamento lévanos aínda a outra reflexión máis porque supón unha merma da democracia que Orozco poña á fronte dunha das áreas de máis peso do Concello a unha persoa que non foi escollida polos cidadáns. Nos tempos actuais, nos que se debate a posibilidade de listas abertas nas eleccións municipais para a escolla por parte dos cidadáns dos seus representantes no Concello, supón unha clara contradición a designación dun concelleiro non electo e, polo tanto, non sometido ao veredicto popular.
E supón tamén, esta decisión de Orozco, un paso máis na privatización do Goberno municipal que se está a levar a cabo neste mandato, primeiro coa designación de dous directores xerais para a Policía e o departamento de Novas Tecnoloxías, que non resolveron os problemas existentes, máis ben ao contrario; e agora co nomeamento dunha persoa externa, que non figuraba na candidatura que se lle presentou aos cidadáns, para a Concellería de Urbanismo.
Todo este novo organigrama burocrático ten ademais un custo elevado para as arcas do Concello, é dicir, para os cidadáns. O acordo de Orozco co PP do inicio deste mandato supuxo un encarecemento do funcionamento municipal dun 50%. O actual Goberno de Orozco ten un custo de máis dun millón e medio de euros (250 millóns das antigas pesetas) ao ano. Ás 11 adicacións exclusivas do Goberno (435.000 euros) hai que engadirlle o custo dos dous directores xerais (cun salario cada un deles de máis de 60.000 euros ao ano), e agora, a maiores, a dunha concelleira non electa.
E hai que aclarar tamén que esta remodelación no Goberno municipal prodúcese coa axuda e consentimento do PP. Primeiro porque o PP aprobou os Orzamentos deste ano, onde aparecen estes gastos, e en segundo lugar porque o PP aprobou no ano 2004 a Lei de Grandes Cidades, que é a que faculta a Orozco a introducir no Pleno e na Xunta de Goberno a persoas externas que actuarán como concelleiros, pese a non seren elexidos polos cidadáns.
