Cen anos de ‘El Progreso’

10:00 am A cidade

El Progreso cumpre hoxe un século de vida. Penso que é un feito relevante e quero felicitar de maneira sincera ao xornal e aos seus traballadores. E quero, como agasallo, transcribirvos a continuación o discurso que en nome do Bloque Nacionalista Galego lin o pasado mes de xuño na sesión plenaria na que lle foi concedida a El Progreso a Medalla de Ouro da cidade de Lugo. Moitas felicidades e 100 anos máis de vida.

FELICITACIÓN AO DIARIO ‘EL PROGRESO’ CON MOTIVO
DA CONCESIÓN DA MEDALLA DE OURO DA CIDADE

Gustaríame, en nome do Bloque Nacionalista Galego, felicitar de xeito sentido, ao diario El Progreso polos seus cen anos de vida. É hoxe un luns caluroso de verán coma aquel de 1908 no que nacía, no número 6 da rúa Manuel Becerra, o primeiro exemplar do xornal que xa é parte inseparable de Lugo e a súa provincia.

Ten que ser para esta Corporación Municipal este momento un momento nobre: outorgarlle a medalla de ouro da nosa cidade a quen leva 100 anos contando o que nela acontece e axudando a diario a transformala por medio do debate, a opinión e o motor das ideas.

No xornal de mañá quizais un titular a cinco columnas deixe constancia para a historia deste acontecemento. Quizais quen fai protagonistas aos demais ben mereza un día ser o protagonista da súa propia portada.

Queremos, dende o Bloque Nacionalista Galego, felicitar a todos os traballadores do Progreso, que manteñen aceso todos os días o facho das columnas de Cunqueiro e Ánxel Fole. E queremos tamén felicitarmos a todos os que o lemos a diario.

Van alá 32.477 números, pero gustaríame, para rematar, facelo cunha das frases coas que El Progreso se presentaba aos cidadáns de Lugo na mañá daquel luns 17 de agosto de 1908:

“Queremos atopar no favor do público e en servilo a razón da nosa vida. Así pensamos ser, así pensamos vivir, convencidos de que o éxito non se deixa fraguar nas sombras, un nimbo de luz rodéao sempre, a luz da verdade, a luz da franqueza”.

Que así siga a ser por outros cen anos máis.

Lugo, 30 de xuño de 2008

Xosé Anxo Laxe Suárez,
voceiro do Grupo Municipal do BNG



Fai un comentario!!!

O teu comentario

Pode usar as seguintes etiquetas HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Nota: Estaá habilitada a moderación de comentarios, e a publicacións dos mesmos retrasarase un pouquiño. Non é necesario que reenvíes o teu comentario. Grazas.