Un concello parado pola desidia deste alcalde
Xaneiro 3, 2008 9:02 am Sen clasificarO BNG de Baralla, por boca do seu portavoz municipal, Xosé Manuel Becerra, acusou ao alcalde de “desperdiciar un semestre máis sen poñer en marcha novos investimentos no concello”. Para o voceiro nacionalista, o alcalde “ten o concello completamente parado, e durante os seis meses que leva no cargo nada se moveu”.
Para o BNG, practicamente ningún dos problemas que arrastra o concello do anterior mandato do PP, se empezaron a solucionar neste. O voceiro nacionalista cita o desinterese do alcalde por poñer en marcha a gardería infantil, dous anos despois de asinar o seu convenio, os problemas de abastecemento de auga en diversos núcleos, o estancamento da creación do solo industrial ou os problemas de urbanismo que impiden a construción de vivendas tanto no casco urbano, como no rural. Por non citar a falta de alumeados públicos e a súa ineficacia para pechar dunha vez o vertedoiro municipal de lixo e mellorar o servizo de recollida.
Para o voceiro nacionalista “os veciños de Baralla seguen sen contar con moitos deses servizos pola falta de vontade do alcalde”. Nin sequera se remataron as obras da “eterna promesa” do club fluvial. O BNG lembra que as poucas actuacións que se executaron foron financiadas por Medio Rural, no caso das pistas e accesos a núcleos, e polo Ministerio de Fomento, de rexeneración do firme, grazas en boa medida ao traballo dos deputados do BNG no Congreso en Madrid.
O BNG reclama do alcalde que asuma a súa responsabilidade e que se poña a traballar polo concello, sen buscar máis escusas. Para X. M. Becerra “Baralla está perdendo o tren dos outros concellos pola desidia do Sr. Capón”.



