Unha área fluvial…?

Área fluvial Non hai comentarios

Cada día que pasa empeora a pinta das obras que o Concello está realizando ao lado do río. A “estrela” da actuación é a pista de tenis, algo que non ten razón de existir no que se pretendía que fose unha área fluvial. Por que se primou o cemento e non o adecentamento dunha zona de baño e a limpeza da zona, para contar ademais cun merendoiro e poder aproveitar os terreos para festas campestres? Pois a pregunta terá que respondela o alcalde, pero os resultados, desgraciadamente xa se ven.

Bens públicos para uso particular

Grupo Municipal Non hai comentarios

Estes días estanse realizando obras no local, propiedade do alcalde, que destinaba a tanatorio. Até aí nada sorprendente. Pero o rechamante, áinda que non sexa unha novidade, é que se utilice o todoterreo do Concello para retirar os cascallos dunha obra privada e que aínda por riba acaben no vertedoiro de lixo incontrolado. Iso si que é dar exemplo de ética e de respecto. Os bens públicos para uso particular do Sr. Alcalde ou doutros membros do goberno do PP.

Xa non é a primeira vez que os pillamos

Imposto de circulación para tractores…

Sen clasificar Non hai comentarios

Estes días estanlles chegando a varios propietarios de tractores de Baralla a comunicación do imposto municipal de circulación. A Lei de facendas locais establece a correspondente exención do imposto deste tipo de vehículos. Sería ben que o alcalde enviase ás parroquias un bando para aclarar a situación e o procedemento que deben seguir os seus propietarios para reclamar a exención deste imposto.

Camiñando coa AMPA e o Colexio de Baralla

Cultura e deporte Non hai comentarios

Este sábado, coma anos anteriores, a AMPA e a dirección do Colexio CPI de Baralla, convidáronnos a facer outro tramo do camiño de Santiago, entre Sarria e Portomarín. Un bo día, unha agradábel camiñada, unha boa compañía e un agradecido xantar,-sobremesa incluída-, para rematar a xornada. Grazas polo convite e polo trato. E para o ano que vén, pedirlle ao Concello que poña a disposición da organización o vehículo todoterreo, para servir de coche de apoio loxístico. Hai que ter en conta que boa parte dos e das participantes son cativos e precísase contar cun vehículo que poda recollelos a medida que cansen.
Os meus parabéns para a AMPA e para a dirección pola idea, pola vontade e polo traballo ben feito. Ánimo.

Abandono das pistas do rural

Grupo Municipal Non hai comentarios

Xa hai algún tempo, unha ambulancia tiña que saír remolcada por un tractor da casa de Ribadeneira de Quintá polo mal estado da pista de acceso.Cando no último pleno lle volvemos pedir ao alcalde o amaño urxente de varias pistas do rural, caso de Penouta, Vilar de Francos ou Laxes, e faciamos mención expresa aos accesos de Lebruxo, unha das súas respostas foi “que non estaban tan mal”. E certo é que depende do cristal con que se miren. Pero o sentido común dinos que se unha ambulancia ten que ser remolcada por un tractor, como foi o caso de Quintá, o que pasa é que este alcalde non quere ver a realidade. No caso de Lebruxo, o estado dalgún dos tramos é tan lamentábel que aos vehículos cústalles pasar e algún dos veciños ten serias dificultades para poder sacar as vacas. Miremos co cristal que miremos, a realidade e as imaxes non minten.

Ver vídeo da TVGalega


Este é o estado no que se atopan algúns dos tramos dos accesos a Lebruxo

Ver nota A Voz de Galicia

Selección a dedo

Sen clasificar Non hai comentarios

Xa hai días que circulaban rumores sobre os elixidos e elixidas para as contratacións temporais para a brigada de obras (de obras??) do Concello e para o servizo de axuda a domicilio. Polo que parece, no caso da brigada de obras repiten boa parte dos que estaban e en axuda a domicilio, primaron máis as relacións sociais dalgunha das elixidas que a súa experiencia ou que contasen con cursos de formación. Conta máis o pago de favores que a boa atención aos nosos maiores. Mentres, as persoas que si teñen eses cursos quedaron fóra.
A “selección”, a dedo, do señor alcalde.

PXOM e convenios

Plan Xeral (PXOM) Non hai comentarios

Hai poucos días chegoume algunha información sobre un convenio urbanístico para edificar na parcela situada por detras do Centro Médico. De momento, nada hai de xeito oficial, que pasase pola Xunta de Goberno Local ou polo Pleno. Pero é curioso, cando menos, que xusto unhas semanas despois de se adxudicar a redacción do PXOM, “aparezan” convenios que poden limitar ou condicionar o deseño e o desenvolvemento do propio plan xeral de ordenación municipal. Estaremos atentos e xa veremos.

Ver anuncio BOP adxudicación PXOM

Veciños en folga

Sen clasificar Non hai comentarios

Onte á tarde, vin na televisión a varios dos meus veciños camioneiros, retidos pola garda civil en Benavente. Son dos que se ían exercer o seu dereito de manifestación a Madrid en defensa de melloras laborais, reclamando unha tarifa mínima que evite o que modernamente se chama “competencia desleal”. O caso é que nesta Unión Europea, que presume de ser un “espazo de libre circulación de mercadorías e persoas”, o Ministerio do Interior ordenaba ao seu xeito “a libre circulación” de milleiros de camioneiros, entre eles moitos de Baralla, porque viaxaban baleiros. Curioso argumento. Curiosa maneira de ocultar as reivindicacións duns traballadores nun momento económico ben difícil.

Locais públicos, decisións privadas.

Sen clasificar Non hai comentarios


Que razón pode haber para negarlles aos traballadores de CAMPESA o local do Centro Sociocultural se non está ocupado con outra actividade? Ningunha. Pois o Sr. Capón negoulles a utilización do local público, que a empresa tamén paga cos seus impostos. Como consecuencia, os cartos dos cafés e do xantar quedaron en Becerreá. Outra proba máis da aposta do alcalde por Baralla e da discrecionalidade das súas decisións.

Subvencións ocultas

Cultura e deporte Non hai comentarios

É ben rechamante que despois de máis de 2 meses desde a aprobación en Pleno dos orzamentos do ano 2008, e por tanto, das subvencións nominativas a asociacións, todas esas asociacións (culturais, deportivas,..) non teñan ningunha comunicación da súa concesión. Como esperaba o alcalde que o soubesen? Ou é que non quería que o soubesen e que por tanto quedasen sen cobrar?
Estas asociacións son as que manteñen a vida asociativa, cultural e deportiva do concello. Non contan cun apoio decidido do concello, e aínda por riba, nin sequera poden deseñar as súas actividades e ingresos, porque o Sr. Capón non se digna a comunicralles as subvencións aprobadas polo Pleno. É máis, cando pediron explicacións, polo visto, pois “non había nada”.
Os seus socios e socias terán que se ir dando conta da necesidade de apostar no futuro por unha nova dirección na política municipal.

« Entradas anteriores