27 Marzo, 2009
Grupo Municipal, Área fluvial
1 Comentario
Hoxe, ás 8 temos pleno ordinario do Concello. Outra vez máis, é o BNG que concentra as propostas do pleno. Levamos unha iniciativa para reclamar o amaño das escolas rurais de Baralla, que despois de máis de 20 anos de alcaldía do sr. Capón seguen con problemas de humidade, con cristais rotos, sen subministración de auga e sen servizos, como é o caso das da Condomiña, Sudrio, Vilartelín ou Aranza.
Ademais, entre outras cuestións, imos preguntar pola redacción do proxecto de Plan Xeral de Ordenación Urbana e reclamar a limpeza de pistas e camiños municipais que quedaron atrancadas por causa dos temporais deste inverno.
Tamén no interese polos plenos se demostra a apatía do alcalde polo concello. Demostrado está que só lle interesa manter a súa situación persoal.

Este é, por exemplo, o estado da escola da Condomiña
Consulta a mocion sobre amaño das escolas
24 Marzo, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Un proxecto político coma o do BNG precisa de moitas mans. Por iso, cada vez que alguén asume formar parte del, o país medra. E onte medrou outro pouquiño. Moitas veces nos laiamos do decaemento do noso concello, pero por unhas razóns ou por outras, non se dá un paso ao fronte para traballar por el.
Onte, foi unha moza quen decidiu dar ese paso. Seguro que non lle foi fácil. Pero tamén sei da súa decisión e iniciativa. Oxalá sexa o inicio de máis incorporacións. Oxalá o vindeiro luns do BNG empece tan ben coma este.
23 Marzo, 2009
Grupo Municipal, Plan Xeral (PXOM)
Non hai comentarios
Outra máis das cuestións que ten abandonada este alcalde é o planeamento urbanístico da vila e dos nosos núcleos rurais. O nivel de indefinición é tal que hoxe non se pode edificar, por exemplo, na zona de Fabeiro, ou noutras moitas as limitacións derivan dun planeamento obsoleto (rúas que aparecen nas Normas Subsidiarias que nunca se van facer)e que non ten nada que ver coa realidade social e economica actual de Baralla. Por certo, un planeamento de hai máis de 20 anos do que é responsábel o sr. Capón. O BNG leva insistindo na necesidade de facer un novo PXOM e froito dese traballo logramos que se adxudicase a redacción dun novo documento. Un documento que debería ir a aprobación inicial antes de final de ano. O futuro do concello non espera.
►(Ver prensa 2006)
►Ver prensa 2005
►Acceso ás Normas Subsidiarias de Planeamento de Baralla
20 Marzo, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
En Baralla contamos cunha serie de construcións dun importante valor social e arquitectónico, que no seu día cumpriron un papel clave na educación de moitos e moitas dos nosos veciños. Algunha destas antigas escolas, de moita importancia arquitectónica como é o caso da de Penarrubia ou a de Lexo (obra ao parecer do arquitecto Xosé González Sierra (XVIII)) xa son de moi difícil recuperación. Aínda que hai anos se efectuaron obras de mellora nalgunha, moitas seguen con deficiencias de estrutura, con ventás rotas, con moitas humidades, sen auga e sen servizos de váter, como é o caso das de Aranza, Sudrio, Neira de Rei, Vilartelín ou Guimarei.O BNG cre que é necesario manter e mellorar as condicións destas escolas por formaren unha importantísima rede de locais de uso público para os veciños das distintas parroquias, utilizadas para todo tipo de actos, reunións, festas, …incluído o seu uso como locais electorais. Por iso, no vindeiro pleno deste venres 27 de marzo imos presentar unha moción para pedirlle ao alcalde que inicie neste ano 2009 un programa de conservación e amaño das distintas escolas rurais de Baralla, procedendo ás obras de rehabilitación necesarias, instalación de subministración de auga, servizos públicos, mellora das instalacións eléctricas e aquelas outras que en cada caso se precisasen.
17 Marzo, 2009
Sen clasificar
Non hai comentarios
Non todos somos iguais. Teima o PP en querer facérnolo crer, pero non todos somos iguais. Teima en facer o posíbel porque non se asente o sistema público de servizos sociais a través do Consorcio , dun consorcio público do que forman parte a Xunta e a maior parte dos concellos do país, tamén os do PP. Non lle importa ao PP o sistema de incorporación laboral ao Consorcio, legal, e avalado sindicalmente tanto pola UXT como pola CIG e mesmo xudicialmente despois de recursos en procesos anteriores. O que quere o PP e desmantelar o Servizo Galego de Benestar, con acusacións falsas, con difamacións,…coas mesmas que inzou a campaña electoral. Por iso debemos ser firmes na defensa dos servizos públicos, tamén dos servizos sociais.Tamén do Consorcio.
13 Marzo, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Unha das nosas apostas para Baralla segue a ser o Centro de Día. Tanto desde o Concello como desde o Consorcio de Servizos Sociais da Vicepresidencia Da Xunta traballamos para conseguir que Baralla contase cun Centro de Día. E logramos que técnicos do Consorcio viñeran ver os terreos. Foi a falta de interese deste alcalde o que imposibilitou que o tiveramos:primeiro non quería ceder a Casa do Médico e despois negouse a usar os cartos do fondo Estatal para mercar unha parcela ou un edificio para podelo construír. o BNG vai seguir taballando nesa iniciativa, pero xa sabemos que ao sr. Capón e o PP non lle gsutan os servizos públicos, porque así non poden vender favores.
11 Marzo, 2009
Grupo Municipal
1 Comentario
Teima o Sr. Feijoo en querer destruír os avances positivos que se produciron estes catro anos de goberno. Quere ser o alumno avantaxado de Rajoy e dos coros mediáticos madrileños que o animan a poñer a cotizar no mercado os servizos sociais, que o aguilloan a seguir e aumentar a súa guerra contra o idioma galego. Ese mesmo PP, ese mesmo Feijoo que aprobou no Parlamento galego o Plan de Normalización Lingüística, apunta agora os seus canóns e os que lle prestan desde Madrid para destruír os poucos camiños que con tanto traballo se abriron na normalización do idioma galego na súa terra. Da capacidade de resposta da sociedade galega vai depender o futuro da nosa lingua, e por tanto, da nosa identidade como País. E os nacionalistas estaremos aí, porque o País é a nosa razón de ser.
9 Marzo, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Día tras día, o Sr. Feijoo anuncia unha nova marcha atrás, anuncia a destrución de moitas das medidas que puxemos en marcha desde o goberno. Unha delas, o Consorcio de Servizos Sociais. Unha iniciativa do BNG na Xunta que permitiu poñer en marcha o xantar na casa, o servizo de transporte 065 ou abrir en Baralla, o local de Iguladade de Benestar: un local público aberto en Baralla despois de anos e anos de gobernos do PP que non investiron en servizos públicos.
O PP aposta por privatizar os servizos. Para que os teñan só quen os poida pagar. Por certo, foi o que fixo Feijoo en Correos.
O BNG, tamén o de Baralla, vai seguir traballando para defender a rede de servizos sociais que puxemos en marcha, pública e para todos.
5 Marzo, 2009
Sen clasificar
Non hai comentarios
Os distintos procesos electorais teñen características propias. E o das eleccións galegas xa pasou. Os do BNG seguimos pensando que hai outra maneira de facer as cousas. E como cremos neste país e na súa xente, desde a nosa responsabilidade municipal, imos seguir traballando para mellorar as condicións de vida dos nosos veciños e veciñas.
Somos a alternativa real a un alcalde que só pensa nos seus intereses persoais. Somos a alternativa necesaria para o futuro económico e social do concello. E necesitamos o apoio e a opinión de todo o mundo.
4 Marzo, 2009
Sen clasificar
Non hai comentarios
Vexo hoxe con preocupación que hai quen pide xa e de inmediato a demisión de Quintana, seguindo por certo, o coro mediático madrileño. Que fácil é apuntarse a coller a machada.
Polo visto os que antonte aínda berraban que eran “anxo quintana” hoxe afían as navallas para cobraren presas. O BNG é unha fronte, unha organización que toma as súas decisións COLECTIVAMENTE e COLECTIVAMENTE asume os seus éxitos e tamén os seus malos resultados electorais.
Resulta curioso que esas voces que reclaman a cabeza do portavoz nacional, que reclaman agora “máis ideoloxía” son as mesmas que defenderon o voto SI á constitución europea, por exemplo.
Ou é que o proxecto colectivo do BNG deixou de ser válido en 24 horas? Por suposto que non.
O nacionalismo, o BNG ten os seus órganos elixidos pola militancia e neles se debe deseñar o camiño que debemos – tamén colectivamente- seguir. Por nós mesmos, como sempre fixemos.
« Entradas anteriores