Mañá, pleno do Concello

2:00 pm Acesos e pistas, Grupo Municipal, Notas de prensa

O BNG DE BARALLA PÍDELLE AO CONCELLO QUE AXILICE O DESBROZAMENTO DAS PISTAS
Pregunta tamén polo proxecto de selamento do vertedoiro licitado polo bipartito

O BNG de Baralla vai defender mañá venres, ás 8 da tarde, no pleno da Corporación, unha iniciativa na que lle pide ao alcalde que axilice os traballos de limpeza e desbrozamento das pistas municipais e de accesos aos núcleos, e así mesmo, que se dirixa ao resto das administracións, para reclamar a limpeza mecánica dos viais e estradas da súa competencia. Nalgúns casos, os silveiros e herba “dificultan a visibilidade nos distintos viais e pistas do concello e, incluso nos cruzamentos pode provocar algún accidente”.
Os nacionalistas inciden en que as actuacións de desbrozamento e limpeza, necesarias todos os anos, aínda se fan máis imprescindíbeis este ano, como consecuencia dos temporais do pasado inverno.
Así mesmo, o BNG vaise interesar pola situación actual, co cambio de goberno na Xunta, do proxecto licitado polo bipartito de selamento do vertedoiro municipal de lixo. Becerra lembra que tivo que ser co BNG no goberno da Xunta cando se puxese en marcha o pechamento do vertedoiro e por iso reclama agora información. O nacionalista incide en que “quéremos saber se o PP vai facer as obras previstas para pechar o vertedoiro ou tamén as vai paralizar”.
O BNG tamén vai presentar unha proposta para que o alcalde asuma encargarlle prioritariamente as obras e os servizos e a compra de material en empresas, comercios e autónomos de Baralla. O voceiro nacionalista fai fincapé en que “son os que pagan os impostos en Baralla e o concello debe pensar neles prioritariamente”. Para o BNG esa actuación permite fortalecer o tecido económico local e manter os postos de traballo.