24 Xuño, 2009
Notas de prensa
Non hai comentarios
O PP vén de anunciar a eliminación do programa de gratuídade dos libros de texto, unha medida que introducía a mecánica de coidado dos libros e que beneficiaba a máis de 82.000 familias que a día de hoxe non saben que vai pasar. Tamén na educación, o PP aposta por recortar gasto social. Non é nada novo, pero non por iso menos grave.
Por certo, para atentar contra o idioma si que corren. Onte, o PP aprobaba no parlamento a eliminación do exame de galego das oposicións na administración e hoxe xa publicaba a modificación da Lei no DOG. Esa decisión ábrelles as portas aos opositores de fóra de Galiza. Supoño que a mocidade que votou PP nas eleccións ao Parlamento galego tomará nota de como traballa o PP para crear postos de traballo. Pero para os de fóra.
18 Xuño, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Onte centos de gandeiros pedíronlle á Xunta de Galiza e ao Ministerio de Madrid que lle poñan solucións á grave crise que está padecendo o sector agrario, do leite e da carne. Feijoo e o PP cansáronse de dicir que tiñan a solución. E xa se vai vendo cal é: volver a dar axudas, primar as explotacións para que abandonen o sector. A súa receita é eliminar o sector. E o Ministerio? Desde o Estado, milleiros de euros para os bancos, para as caixas, …milleiros de euros para a automoción,… Pois o BNG reclama o mesmo trato para o noso sector económico básico: axudas directas para o sector do leite. Os gandeiros galegos, a economía galega ten os mesmos dereitos.
3 Xuño, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Nestes tempos de crise, do único que se ocupa o PP e o sr. Feijoo é de poñer riba da mesa propostas de ataque contra o idioma. Nunha das últimas decisións, o PP elimina o galego para a superación das probas das oposicións. A mellor maneira de abrirlles as portas aos opositores do resto do Estado ás prazas da Xunta. Vénme á memoria o caso dunha amiga e veciña que acabou destinada en Cataluña despois de aprobar unha oposición da Seguridade Social. Ela ten que deixar Baralla e usar o catalán, como é lóxico, no seu traballo e mentres, o Sr. Feijoo e o PP dedícanse a abrirlles as portas aos de fóra do País para que se presenten as nosas oposicións.
Por certo, coincido co que dixo o noso Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez, quen lle pedia a Feijoo que ademais de lles facer esa enquisa aos pais (e vailles preguntar tamén ás nais?) sobre o idioma no que queren escolarizar os seus fillos, que estenda, xa que logo, esa enquisa a avós, tíos, curmáns e demais familia.
Eu reclamo o meu dereito, como padriño de pía, a participar na pequena porcentaxe que me corresponda de elección do idioma no que se vai escolarizar a miña afillada. E espero contar co apoio da Igrexa nesta petición. Cae de caixón, non?
