14 Decembro, 2009
Grupo Municipal, Sen clasificar
Non hai comentarios
meta name=”google” value=”notranslate”>A este alcalde é mellor non poñerlle cousas nas mans. Non hai máis que ver a solución “que lle está dando ao Campo da Feira de Sobrado. Polo visto, ao que se dedica é a malcopiar modelos alleos. Deulle por “rodear castiñeiros” de flores. Un espazo que o único que precisaba eran atencións pequenas. Ou é que se quere eliminar a feira que se celebra cada sete de cada mes?
10 Novembro, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Para poder vivir no rural necesitamos apostar polos servizos públicos. Entre eles os dedicados á infancia: atención pediátrica e gardaría infantil. Durante os últimos anos levamos varias iniciativas a Pleno para intentar que o alcalde se mollase para poñer en marcha a Galescola de Baralla (unha actuación que a Vicepresidencia xa lle asignara a Baralla). Pero ao sr. Capón non lle interesaba e por iso seguimos sen ela. Os do BNG tamén batallamos para que puideramos contar no Centro de Saúde de Baralla, cando menos algún día á semana, cun pediatra. Aí tampouco este alcalde se mollou. Ou é que en máis de 20 anos de alcaldía do PP non o puido conseguir? Nin sequera o intentou. O BNG volve insistir nese tema. Se queremos manter a poboación do concello, non nos queda outra. Máis servizos públicos, tamén para os cativos.
10 Setembro, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Hoxe fíxose público o posicionamento dos directores e directoras dos colexios da comarca contra o peche de unidades escolares que decidiu o PP, como é o caso do colexio de Doiras. O Partido Popular en estado puro. Primeiro eliminou o sistema de préstamo universal de libros e as familias teñen que pagar agora por un dereito que establece a constitución que seica tanto defenden. E agora comezan cos recortes de profesorado e aulas no rural de Lugo. Iso si, subvencións da Xunta do PP, cos cartos de todos os galegos, a colexios que separan a nenos e nenas nas aulas por sexos, as que fagan falta. Hoxe son os de Doiras, pero mañá pódenos tocar a nós.
3 Setembro, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Cando os cartos que se gastan son os de todos, non importa a crise. Iso, polo visto, é o que pensa o Sr. Capón. Outro ano máis, cos cartos de todos os veciños, organizou un xantar para os seus invitados na área fluvial. O ano pasado foron máis de tres mil euros os que fundiu nese banquete e este ano non parece que vaian ser menos.
Desde o seu punto de vista, como xa nos dixo no pleno cando preguntamos por eses gastos, non é moito. Se cadra, porque eses tres mil euros é a cantidade que se autocolocou como salario mensual.
Haberá a quen aínda lle pareza pouco, pero o que si está claro é que polo traballo que fai, polo que traballa por Baralla, non merece nin ese nin ningún.
30 Xullo, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Acaba de presentarse públicamente o proxecto de investigación “Nomes e Voces”. Naceu en 2006, a través dun convenio das tres universidades galegas coa Consellería de Cultura da Xunta de Galiza, dirixida por Ánxela Bugallo, co obxectivo de estudar a represión en Galiza, durante a guerra civil e o franquismo, recompilar información e ofrecer datos relativos ás vítimas. Dicía o seu coordinador, Lourenzo Fernández Prieto, que na historia, esquecer non é unha alternativa.
No caso de Baralla (daquela aínda Neira de Xusá), son varias as persoas que aparecen nese listado de represaliados/as, aínda que eu xa lle oín falar a meus pais dalgún máis. Represaliados que ben merecen a nosa homenaxe e recordo. E porque non axudar a facelos máis visibles achegando máis datos. E porque non, tamén -hora é-, unha homenaxe pública.
Estes son os nomes, que tamén podedes consultar en http://vitimas.nomesevoces.net/gl/
Home, nacido en Baralla (Lugo) Avogado
Afiliado a IR (Directivo de IR en Baralla)
Xulgado en Lugo por rebelión co resultado de declaración en rebeldía. Tras estar fuxido e no exilio, en 1949, volta e retómase o proceso polo delito de auxilio á rebelión co resultado de sobresemento provisional.
Home de 45 anos, nacido en Baralla (Lugo) viviu en Vilachambre
Propietario/a
Xulgado en Lugo por rebelión militar co resultado de sobresemento provisional e multa de 10.000 ptas.
Home, viviu en Baralla (Lugo) Labrego/a
A súa filiación foi Directivo dunha sociedade agraria
Detención sen procesamento xudicial.
Home, viviu en Baralla (Lugo) Propietario/a
A súa filiación foi Concelleiro da ORGA en 1931
Detención sen procesamento xudicial.
Home, viviu en Baralla (Lugo) Funcionario municipal
Afiliado a PSOE (Oficial do Concello. Directivo do PSOE)
Detención sen procesamento xudicial.
27 Xullo, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Se en algo se notou a chegada do PP ao goberno da Xunta, foi na súa capacidade de parar proxectos. A Baralla, de momento, tocoulle o parón da obra de selado do vertedoiro de lixo. Por iso, este venres levamos a pleno, unha inciativa na que lle pedimos ao alcalde que se mova e que lle esixa á Xunta dos seus que cumpran os compromisos que encetou o bipartito. E teremos que volver co Centro de Día e coa galescola ou gardaría -como lle queiran chamar-. Por certo, xa se está vendo onde están as rebaixas do PP: conxela as prazas de garderías públicas e reduce 18.000 euros o diñeiro para cheque infantil. Esa é a súa austeridade. Sacarlles aos que máis necesitan.
14 Xullo, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios

Esta semana, como hai anos, os labregos galegos volven a saír á rúa para defenderen o seu dereito a vivir do seu traballo. Loitan contra a presión da multinacional que é a Unión Europea, -que vixencia ten hoxe o lema histórico do nacionalismo “mercado común europeo, ruína do pobo galego”-, e contra a pasividade do goberno do Estado que mira para o outro lado, cando non paran de entrar importacións de leite por debaixo do seu custo.
E da pasividade e connivencia do goberno da Xunta do PP que cala e consinte, e polo baixo, aplaude a destrución do sector primario galego á que eles axudaron e que promoveron durante anos (axudas ao abandono, subvención para plantacións masivas de terras agrarias,…).
É de vergonza como os ministros e ministras do Estado, do PSOE, defenden en Europa o mercado da laranxa ou do aceite, e abandonan e comercian co presente e o futuro deste País e dos seus sectores basicos. Nesta situación de crise, é necesaria a intervención pública.
Aparece diñeiro público para os bancos, aparece diñeiro público para axudar ao mercado do automobilismo, … pero ningún dos dous gobernos move un dedo para axudar a manter o presente e o futuro económico e social dunha boa parte dos nosos concellos. Como se pode fixar un prezo mínimo para a luz, por exemplo, e non para o leite?
Oxalá esta mobilización sexa o inicio da recuperación da capacidade de unión e de resposta que necesita o agro galego e a sociedade galega, que sofre cada día un novo ataque. Velaí o novo modelo de financiamento das comunidades autónomas. Unha proba máis de que Galiza necesita decidir e gobernarse por si mesma. Se nós non defendemos os nosos dereitos, ninguén o vai facer por nós.
18 Xuño, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Onte centos de gandeiros pedíronlle á Xunta de Galiza e ao Ministerio de Madrid que lle poñan solucións á grave crise que está padecendo o sector agrario, do leite e da carne. Feijoo e o PP cansáronse de dicir que tiñan a solución. E xa se vai vendo cal é: volver a dar axudas, primar as explotacións para que abandonen o sector. A súa receita é eliminar o sector. E o Ministerio? Desde o Estado, milleiros de euros para os bancos, para as caixas, …milleiros de euros para a automoción,… Pois o BNG reclama o mesmo trato para o noso sector económico básico: axudas directas para o sector do leite. Os gandeiros galegos, a economía galega ten os mesmos dereitos.
3 Xuño, 2009
Grupo Municipal
Non hai comentarios
Nestes tempos de crise, do único que se ocupa o PP e o sr. Feijoo é de poñer riba da mesa propostas de ataque contra o idioma. Nunha das últimas decisións, o PP elimina o galego para a superación das probas das oposicións. A mellor maneira de abrirlles as portas aos opositores do resto do Estado ás prazas da Xunta. Vénme á memoria o caso dunha amiga e veciña que acabou destinada en Cataluña despois de aprobar unha oposición da Seguridade Social. Ela ten que deixar Baralla e usar o catalán, como é lóxico, no seu traballo e mentres, o Sr. Feijoo e o PP dedícanse a abrirlles as portas aos de fóra do País para que se presenten as nosas oposicións.
Por certo, coincido co que dixo o noso Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez, quen lle pedia a Feijoo que ademais de lles facer esa enquisa aos pais (e vailles preguntar tamén ás nais?) sobre o idioma no que queren escolarizar os seus fillos, que estenda, xa que logo, esa enquisa a avós, tíos, curmáns e demais familia.
Eu reclamo o meu dereito, como padriño de pía, a participar na pequena porcentaxe que me corresponda de elección do idioma no que se vai escolarizar a miña afillada. E espero contar co apoio da Igrexa nesta petición. Cae de caixón, non?

28 Maio, 2009
Acesos e pistas, Grupo Municipal, Notas de prensa
Non hai comentarios
O BNG DE BARALLA PÍDELLE AO CONCELLO QUE AXILICE O DESBROZAMENTO DAS PISTAS
Pregunta tamén polo proxecto de selamento do vertedoiro licitado polo bipartito
O BNG de Baralla vai defender mañá venres, ás 8 da tarde, no pleno da Corporación, unha iniciativa na que lle pide ao alcalde que axilice os traballos de limpeza e desbrozamento das pistas municipais e de accesos aos núcleos, e así mesmo, que se dirixa ao resto das administracións, para reclamar a limpeza mecánica dos viais e estradas da súa competencia. Nalgúns casos, os silveiros e herba “dificultan a visibilidade nos distintos viais e pistas do concello e, incluso nos cruzamentos pode provocar algún accidente”.
Os nacionalistas inciden en que as actuacións de desbrozamento e limpeza, necesarias todos os anos, aínda se fan máis imprescindíbeis este ano, como consecuencia dos temporais do pasado inverno.
Así mesmo, o BNG vaise interesar pola situación actual, co cambio de goberno na Xunta, do proxecto licitado polo bipartito de selamento do vertedoiro municipal de lixo. Becerra lembra que tivo que ser co BNG no goberno da Xunta cando se puxese en marcha o pechamento do vertedoiro e por iso reclama agora información. O nacionalista incide en que “quéremos saber se o PP vai facer as obras previstas para pechar o vertedoiro ou tamén as vai paralizar”.
O BNG tamén vai presentar unha proposta para que o alcalde asuma encargarlle prioritariamente as obras e os servizos e a compra de material en empresas, comercios e autónomos de Baralla. O voceiro nacionalista fai fincapé en que “son os que pagan os impostos en Baralla e o concello debe pensar neles prioritariamente”. Para o BNG esa actuación permite fortalecer o tecido económico local e manter os postos de traballo.
« Entradas anteriores