Ximnasio sen espazo

Cultura e deporte Non hai comentarios

Recentemente a Consellaría de Cultura e Deporte que dirixe o BNG, concedeulle ao Concello de Baralla unha subvención de 3.000 € para o ano 2008 e outros 3.000 € para o ano 2009 para a adquisición e instalación dos equipos e aparellos de ximnasio e exercicio físico. Esta actuación que significa unha calara aposta na Consellaría por mellorar os servizos que debe ofrecer un concello, precisa un espazo axeitado á actividade. E o local elixido polo alcalde, parte do corredor-planta superior do Centro Sociocultural non cumpre eses mínimos. Por que non usar o baixo da antiga Cámara Agraria, polo menos de xeito temporal, tendo en conta que dispón de máis metros cadrados e xa conta con aseos? Claro, é preciso adecentalo e cambiarlle a porta. Ímosllo propoñer no pleno do venres 28. Xa vos contarei que pasa.

Os nosos nomes, na nosa lingua

Cultura e deporte Non hai comentarios

Aínda non hai moitos anos, nas cartas que se recibían ou que se mandaban, no enderezo aparecía o nome da miña casa: a casa do Zapateiro. E nada fixo que despois dun cento de anos, pasase a chamarse do “zapatero”. Esa nomenclatura das casas, desgrazadamente, perdeuse para Correos e pasamos a ser un número máis, pero segue totalmente viva na vida das parroquias do rural galego. E segue viva porque é un máis dos sinais propios da nosa identidade. A que tamén nos dan os nosos nomes e apelidos. Nomes e apelidos galegos, na nosa lingua. Por iso temos que comprometernos en mantelos e recuperalos. E ese compromiso empeza por cada un de nós.

Ligazóns

http://www.amesanl.org/especiais.html // http://www.chamateconxeito.com/

Leer o resto …

Nada para o deporte

Cultura e deporte Non hai comentarios

Onte falaba cun mozo, un veciño noso que participou esta fin de semana no rallie San Froilán, da súa experiencia na competición e da cantidade de xente que chegou a Láncara e ao Corgo para ver os tramos que se disputaban nestes dous concellos. E contábame que en Baralla contamos con tramos tan bos ou mellores para práctica deste deporte.

E explicáballe eu que esa non era a aposta do alcalde. Que non era este o campo ao que Sr. Capón lle vise rendemento electoral, e por tanto que non esperase apoio para seguir competindo. Non se decata este alcalde da xente que moven as competicións deportivas, do que se falou na prensa destes dous concellos e como non, do diñeiro que quedou en bares e restaurantes da zona neses dous días.

Desde xa hai anos, o Sr. Capón xa non ten interese polo futuro do concello. Tampouco polos seus deportistas.

Recuperar a festa da troita

Cultura e deporte Non hai comentarios

O río Neira ten un gran potencial económico e social, e a celebración e consolidación dunha festa como a da troita, podería axudar ásúa posta en valor. O noso río ten unha recoñecida sona como río troiteiro entre os pescadores galegos e de fóra de Galiza, que cumpriría revitalizar e aproveitar economicamente. É necesario que Baralla se converta nun referente deste deporte, coa celebración dun campionato de pesca sen morte, entre outras actividades que se poderían programar. Temos un potencial ambiental e de patrimonio enorme, totalmente desaproveitado, dado que este alcalde e o PP, non moveron un dedo para dar a coñecer o noso rico patrimonio. Falta a sinalización de elementos históricos e de rutas de sendeirismo. Pero xa sabemos. Acabou coa Feira-exposición e parece que o único que lle vale é o cemento.


O BNG de Baralla propón recuperar a Festa da Troita para dinamizar a economía local


Camiñando coa AMPA e o Colexio de Baralla

Cultura e deporte Non hai comentarios

Este sábado, coma anos anteriores, a AMPA e a dirección do Colexio CPI de Baralla, convidáronnos a facer outro tramo do camiño de Santiago, entre Sarria e Portomarín. Un bo día, unha agradábel camiñada, unha boa compañía e un agradecido xantar,-sobremesa incluída-, para rematar a xornada. Grazas polo convite e polo trato. E para o ano que vén, pedirlle ao Concello que poña a disposición da organización o vehículo todoterreo, para servir de coche de apoio loxístico. Hai que ter en conta que boa parte dos e das participantes son cativos e precísase contar cun vehículo que poda recollelos a medida que cansen.
Os meus parabéns para a AMPA e para a dirección pola idea, pola vontade e polo traballo ben feito. Ánimo.

Subvencións ocultas

Cultura e deporte Non hai comentarios

É ben rechamante que despois de máis de 2 meses desde a aprobación en Pleno dos orzamentos do ano 2008, e por tanto, das subvencións nominativas a asociacións, todas esas asociacións (culturais, deportivas,..) non teñan ningunha comunicación da súa concesión. Como esperaba o alcalde que o soubesen? Ou é que non quería que o soubesen e que por tanto quedasen sen cobrar?
Estas asociacións son as que manteñen a vida asociativa, cultural e deportiva do concello. Non contan cun apoio decidido do concello, e aínda por riba, nin sequera poden deseñar as súas actividades e ingresos, porque o Sr. Capón non se digna a comunicralles as subvencións aprobadas polo Pleno. É máis, cando pediron explicacións, polo visto, pois “non había nada”.
Os seus socios e socias terán que se ir dando conta da necesidade de apostar no futuro por unha nova dirección na política municipal.