Boletin de xullo
Martes, Xullo 8th, 2008Estes días empezará a chegarvos ás casas o boletín BNG de xullo. Un pequeno resumo do noso traballo das últimas semanas. Se o queres consultar preme aquí Boletin BNG-xullo-08
Estes días empezará a chegarvos ás casas o boletín BNG de xullo. Un pequeno resumo do noso traballo das últimas semanas. Se o queres consultar preme aquí Boletin BNG-xullo-08
O río Neira ten un gran potencial económico e social, e a celebración e consolidación dunha festa como a da troita, podería axudar ásúa posta en valor. O noso río ten unha recoñecida sona como río troiteiro entre os pescadores galegos e de fóra de Galiza, que cumpriría revitalizar e aproveitar economicamente. É necesario que Baralla se converta nun referente deste deporte, coa celebración dun campionato de pesca sen morte, entre outras actividades que se poderían programar. Temos un potencial ambiental e de patrimonio enorme, totalmente desaproveitado, dado que este alcalde e o PP, non moveron un dedo para dar a coñecer o noso rico patrimonio. Falta a sinalización de elementos históricos e de rutas de sendeirismo. Pero xa sabemos. Acabou coa Feira-exposición e parece que o único que lle vale é o cemento.
►O BNG de Baralla propón recuperar a Festa da Troita para dinamizar a economía local
Cada día que pasa empeora a pinta das obras que o Concello está realizando ao lado do río. A “estrela” da actuación é a pista de tenis, algo que non ten razón de existir no que se pretendía que fose unha área fluvial. Por que se primou o cemento e non o adecentamento dunha zona de baño e a limpeza da zona, para contar ademais cun merendoiro e poder aproveitar os terreos para festas campestres? Pois a pregunta terá que respondela o alcalde, pero os resultados, desgraciadamente xa se ven.
Estes días estanse realizando obras no local, propiedade do alcalde, que destinaba a tanatorio. Até aí nada sorprendente. Pero o rechamante, áinda que non sexa unha novidade, é que se utilice o todoterreo do Concello para retirar os cascallos dunha obra privada e que aínda por riba acaben no vertedoiro de lixo incontrolado. Iso si que é dar exemplo de ética e de respecto. Os bens públicos para uso particular do Sr. Alcalde ou doutros membros do goberno do PP.
Estes días estanlles chegando a varios propietarios de tractores de Baralla a comunicación do imposto municipal de circulación. A Lei de facendas locais establece a correspondente exención do imposto deste tipo de vehículos. Sería ben que o alcalde enviase ás parroquias un bando para aclarar a situación e o procedemento que deben seguir os seus propietarios para reclamar a exención deste imposto.
Este sábado, coma anos anteriores, a AMPA e a dirección do Colexio CPI de Baralla, convidáronnos a facer outro tramo do camiño de Santiago, entre Sarria e Portomarín. Un bo día, unha agradábel camiñada, unha boa compañía e un agradecido xantar,-sobremesa incluída-, para rematar a xornada. Grazas polo convite e polo trato. E para o ano que vén, pedirlle ao Concello que poña a disposición da organización o vehículo todoterreo, para servir de coche de apoio loxístico. Hai que ter en conta que boa parte dos e das participantes son cativos e precísase contar cun vehículo que poda recollelos a medida que cansen.
Os meus parabéns para a AMPA e para a dirección pola idea, pola vontade e polo traballo ben feito. Ánimo.
Xa hai días que circulaban rumores sobre os elixidos e elixidas para as contratacións temporais para a brigada de obras (de obras??) do Concello e para o servizo de axuda a domicilio. Polo que parece, no caso da brigada de obras repiten boa parte dos que estaban e en axuda a domicilio, primaron máis as relacións sociais dalgunha das elixidas que a súa experiencia ou que contasen con cursos de formación. Conta máis o pago de favores que a boa atención aos nosos maiores. Mentres, as persoas que si teñen eses cursos quedaron fóra.
A “selección”, a dedo, do señor alcalde.
Hai poucos días chegoume algunha información sobre un convenio urbanístico para edificar na parcela situada por detras do Centro Médico. De momento, nada hai de xeito oficial, que pasase pola Xunta de Goberno Local ou polo Pleno. Pero é curioso, cando menos, que xusto unhas semanas despois de se adxudicar a redacción do PXOM, “aparezan” convenios que poden limitar ou condicionar o deseño e o desenvolvemento do propio plan xeral de ordenación municipal. Estaremos atentos e xa veremos.
Ver anuncio BOP adxudicación PXOM
Onte á tarde, vin na televisión a varios dos meus veciños camioneiros, retidos pola garda civil en Benavente. Son dos que se ían exercer o seu dereito de manifestación a Madrid en defensa de melloras laborais, reclamando unha tarifa mínima que evite o que modernamente se chama “competencia desleal”. O caso é que nesta Unión Europea, que presume de ser un “espazo de libre circulación de mercadorías e persoas”, o Ministerio do Interior ordenaba ao seu xeito “a libre circulación” de milleiros de camioneiros, entre eles moitos de Baralla, porque viaxaban baleiros. Curioso argumento. Curiosa maneira de ocultar as reivindicacións duns traballadores nun momento económico ben difícil.
Que razón pode haber para negarlles aos traballadores de CAMPESA o local do Centro Sociocultural se non está ocupado con outra actividade? Ningunha. Pois o Sr. Capón negoulles a utilización do local público, que a empresa tamén paga cos seus impostos. Como consecuencia, os cartos dos cafés e do xantar quedaron en Becerreá. Outra proba máis da aposta do alcalde por Baralla e da discrecionalidade das súas decisións.