A Candidatura Persoa a Persoa: Andrés Pedre

Andres Pedre Rodríguez ( 58 anos, Chanteiro, prexubilado da antiga ASTANO ) coñece como poucas persoas a nosa costa: as ribeiras, os camiños, as baixadas…..; e o mar que bate, cargado de riqueza. Avatares dunha ( forzada ) prexubilación como resultado do proceso da malchamada reconversión da antiga ASTANO, fixeron que dispoña de tempo para explorar polo miúdo as singulares paraxes que van desde Areamorta ata o Castelo da Palma.

Con seguridade, este nível de coñecimento lévao a formular con grande claridade e contundencia a necesidade de articular unha senda peonil que recupere e poña en valor os antigos ( agora existentes, pero moi mal coidados ) accesos ás ribeiras, aos lugares que aínda hoxe procuran moitas persoas para disfrutar duns lugares estratéxicos desde o punto de vista natural, dunha ría única e, por suposto, do peixe e outros produtos que – cando cadra – se deixan coller….

Esa lista de camiños e sendas – descoidadas, porque xá non vai tanta xente como antes á ribeira – constitúe unha rede intensa e precisa que une todos os núcleos de Ares co mar, e viceversa. E hai nesa malla viaria restos dunha actividade que aínda non hai moitos anos unía a forza da auga coa transformación dos produtos da terra para garantir a alimentación: os muiños. Outra parte da nosa historia, das nosas formas de vida e de producción; que hai que poñer en valor.

Dentro dese conxunto do patrimonio natural, Andrés destaca pola súa singularidade a península de Coitelada – que conta cunha figura de protección nas Normas Provinciais, pero que non ten un plan de desenvolvimento e posta en valor – que precisa dun desenvolvimento harmónico das súas potencialidades; na procura entre o necesario equilibrio entre a actividade humana e a natureza. A proposta dunha Aula da Natureza/Estación Ornitolóxica nesa zona – que tivo xá algún antecedente nos anos 60 co antigo ICONA – permitiría coñecer, estudar e divulgar a flora e fauna que fai dese espazo a súa morada, permanente ou ocasional.

Nunha brincadeira, Andrés pasa do mar á terra, aínda que neste caso tamén coa auga de protagonista….E falamos do importante que sería un verdadeiro proxecto de recuperación do humidal da Xunqueira – non só pendentes dos réditos visuais ou electorais – que procurase os antigos regatos que constituían a arteria da Xunqueira, que chegase a un acordo cos propietarios/as dos terreos afectados e, que, en definitiva, devolvese a ese espazo natural a súa singularidade; converténdoo no auténtico pulmón verde de Ares.

Non teño dúbida que Andrés – un vello activista nas candidaturas do BNG e comprometido cos problemas de Chanteiro – é o que poderiamos chamar un ecoloxista de verdade. Coñece, defende e quere poñer en valor o noso potencial natural e medioambiental e, sobor de todo, pensa que tamén aí está un dos piares dun Ares no que hai futuro.


Share Button