Iniciativa para solucionar as inundacións na conexión Ares-Mugardos

O BNG PIDE Á XUNTA UNHA SOLUCIÓN PARA AS INUNDACIÓNS NA CONEXIÓN
DE ARES-MUGARDOS A VILAR DO COLO.

 

 

O Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento Galego vén de rexistrar unha iniciativa na que pide unha solución definitiva e urxente aos problemas que se rexistran no
vial situado en Franza-Mugardos, que dá entrada á conexión co polígono de Vilar do Colo.

Segundo se recolle na iniciativa, “… na zona de incorporación nesa entrada á VG, evidénciase unha problemática resultante dun defecto construtivo estrutural –neste caso, de evacuación das augas- e que provoca que ese carril de entrada ao vial quede anulado; provocando que as persoas que se dirixen ao polígono de Vilar do
Colo, As Pontes, Cabanas, Fene, Ferrol –e tamén as que o utilizan para se incorporar á AP-9- teñan que utilizar as vías existentes anteriormente, cos conseguintes prexuizos de tempo e consumo de combustíbel”.

Desde o BNG asegúrase que “ a supresión da circulación no devandito carril –feita sempre dun xeito rudimentario e mesmo carente das mínimas medidas de seguridade- non pode atribuirse baixo nengún concepto a situacións extremas no tocante ás choivas; xa que calquera pode ver que toda a zona que debería server de desaugue atópase normalmente ao nível da estrada, co que a pouca choiva que veña, temos inundación”; polo que se demandan –por razóns de seguridade e operatividade do vial- solucións urxentes por parte da Xunta.

As preguntas que se formulan na iniciativa parlamentar son as seguintes:

1.- ¿Coñece a Xunta de Galiza a problemática existente no enlace das estradas que veñen de Ares e Mugardos cara ao polígono de Vilar do Colo, como resultado da falta de evacuación de augas e conseguintes e reiteradas inundacións que se producen na incorporación da rotonda situada en Franza?

2.- ¿É consciente a Xunta de Galiza dos prexuizos e riscos potenciais que se producen para as persoas usuarias dese vial na devandita zona?

3.- ¿Tén previsto a Xunta de Galiza algunha medida de carácter urxente que resolva o problema estrutural que motiva a situación da que estamos a falar?

Share Button