Propostas sobre o COVID-19 en Ares para o sector comercial, hostaleiro, clínicas…

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Ares, ao abeiro da lexislación vixente e como mellor proceda, achega as seguintes propostas sobre o COVID-19.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

As medidas adoptadas polo Goberno español e a Xunta de Galiza -no ámbito das súas competencias- ao respecto da pandemia do COVID-19 teñen gran incidencia e impacto a todos os niveis. O confinamento obrigado da poboación e a prohibición de desenvolver traballos ou actividades que non se consideran esenciais durante un tempo aínda sen concretar, obriga ao Concello a actuar de maneira clara e definida en ámbitos que son da súa competencia.

A nosa organización entende que non é tempo de caravanas automobilísticas. Unha situación esperpéntica á que está dando lugar a “comitiva” de protección civil, policía local e o propio alcalde. É tempo de reforzar os servizos sociais. Usar protección civil para atender as necesidades das persoas incluídas no grupo de risco, enfermos crónicos e xente de idade avanzada, para que a través dos servizos sociais municipais se forneza de aquilo que necesiten.

Cremos no confinamento obrigado, por responsabilidade colectiva. A actitude do alcalde vulnerando él mesmo a norma para cuestións que non son esenciais, entendemos que non son a mellor mensaxe para trasladar a parte da veciñanza, máis aínda a quen o está a pasar verdadeiramente mal e que o menos que precisan, polo que nos trasladan, é ruido de sereas e música festiva. Coidamos que neste sentido, o alcalde debería facer un exercicio de reflexión e pensar tamén nesa xente e nos seus dereitos a vivir o confinamento en paz e tranquilidade.

Así, a maiores das medidas anunciadas polo Concello de Ares ao respecto da atención ás persoas, no ámbito dos servizos sociais, educativos, sanitarios, etc… comunicadas tres semanas despois do inicio da crise logo da nosa insistencia na solicitude de información e transparencia durante todo ese periodo, cómpre apoiar tamén ao tecido comercial e hostaleiro, principalmente.

Cremos que hai que tomar unha medida que é de xustiza. Aos hostaleiros, comerciantes, empresarios das perruquerías, clínicas e outros… prohibíuselles manter a súa actividade, polo que sería un abuso e unha inxustiza que se lles cargase o custo dun servizo que non puideron realizar. Estamos a falar do ámbito de competencias municipais, que son nas que podemos decidir.

Por todo isto propoñemos que o Concello tome as medidas que a continuación sinalamos:

1.-Que se desconte de oficio, a todos e cada un dos empresarios ou propietarios dos negocios que non puideron exercer a súa actividade comercial, as taxas, prezos públicos e imposto ás actividades económicas e profesionais (lixo, terrazas, etc…) de maneira prorrogateada en relación á duración do tempo padecido.

Aplicar dito desconto no próximo recibo.

2.-Proceder de igual xeito ás persoas ou colectivos que ingresaron algún tipo de recibo ou cota en actividades culturais e deportivas municipais, si fose o caso.

3.-Posta en marcha de medidas de apoio aos sectores comerciais, hostaleiros e de servizos, baixo a premisa dunha campaña de apoio ao comercio local, a desenvolver desde xa, naqueles negocios aos que lles posibilita a súa actividade, e ata fin de ano.

En Ares, a 15 de Abril de 2020.

Share Button