Apostar por nós en Ares

Comeza unha nova andaina no sector do comercio en Ares,  as medidas non son as desexables pero é o que toca. A volta á normalidade será unha cuestión de tempo. O mesmo pasará dentro de pouco coa hostalería.

Podemos responsabilizarnos como individuos que formamos un colectivo. Todo somos un. De igual maneira, penso que debemos vivir en harmonía coa natureza e iso implica renunciar a moito “sucre”. Non é sinxelo. O modelo económico mundial da actualidade vai no camiño da destrución das persoas e da liberdade. Ademáis,  moitas decisións políticas (locais, autonómicas e do estado) van tamén na senda de inutilizar o verdadeiro potencial das persoas, cuestión que é unha tremenda irresponsabilidade da que non se dá conta, quen cre verse beneficiado.

Van cambiar moitas cousas. Podemos escoller entre seguir como antes e amoldarnos a unha nova escea, ou comezar a cambiar de hábitos. Pensemos en nós como colectivo aresán, agradezamos aos nosos veciños e veciñas a xenerosidade de atendernos detrás dun mostrador ou dunha mesa, para darnos un servizo. Potenciemos o noso comercio local na medida das nosas posibilidades, fagamos ese compromiso a nivel persoal e familiar.

Comecemos o novo ciclo en irmandade e con agradecemento. Construamos o noso Ares en base a unha realidade que debe mudar, so así poderemos mellorar o noso día a día.

Agora máis que nunca, reafirmámonos no que sempre pensamos; a importancia de coidar da nosa veciñanza e fortalecela. A importancia do comercio local e de proximidade para o cal seguiremos a propoñer medidas de apoio.

Velaí o noso compromiso político e persoal. Benvidos e benvidas a quen decidades sumarvos.

Share Button