Voltar á orixe non ten marcha atrás

O confinamento puxo de manifesto diversas cuestións illadas que forman parte dun todo. Nesta volta vóume referir só á cuestión educativa en relación coa cohesión territorial parroquias-concello.

As declaracións da Ministra Celaá (“Los alumnos de Infantil y Primaria deben tener clases presenciales porque no pueden hacerlo de otra manera”) non son unha ocurrencia, como tampouco é a súa idea de que “deben aprovecharse como aulas todos los espacios de los colegios y utilizar también instalaciones de otras Administraciones”.

Recordo hai anos, cando aínda non estaba en política -pero si na sociedade- e tocóunos pelexar para que non se pechara a escola de Cervás. Unha opción defendida sempre e sen dubidar polo BNG no seu conxunto, porque cremos na importancia das parroquias, dos lugares e das aldeas como solución natural ao coidado e non abandono das nosas fortalezas agrogandeiras, paisaxísticas ou ecolóxicas, entre outras. Galiza é, por riba de todo, rural.

Non negamos un debate pedagóxico ao respecto do ensino en etapas iniciais en escolas unitarias ou parroquias, das súas necesidades e características, mais ben pedímolo. A tendencia dos agrupamentos escolares terá as súas bondades organizativas pero tamén no ensino, como na economía e na sociedade, asoma a volta a entornos naturais, non masificados e que atendan ao revivir do rural, ese polo que o BNG loitou e loitará sempre por non abandonar.

Entre as propostas que presentamos nos últimos meses no Concello de Ares, estaba a posibilidade de poñer en valor as escolas de Cervás e Redes, pero poidera ser calquer outra infraestrutura coa mesma finalidade e que reunise as características necesarias. A ministra Celaá non fixo esas declaracións porque escoitase ao BNG, evidentemente, mais si penso que cada vez hai máis xente que mira o que nós nunca deixamos de ver.

Agora toca pasar á acción e o primeiro paso ten que ser o 12 de Xullo.

Share Button