Alegación da Ordenanza reguladora de estacionamento
O mércores, 20 de xullo, ven de ser publicada no BOP o anuncio da aprobación na sesión Plenaria extraordinaria-urxente de data 14 de xullo do 2020 a Ordenanza reguladora e fiscal do estacionamento regulado e da taxa pola súa utilización no Concello de Ares, “ós efectos legais oportunos”.
Que en base as seguintes consideracións:
- Que o BNG está a favor -e así o ten concretado máis recentemente no debate do PXOM- da humanización dos espazos urbanos e, máis concretamente, dunha nova ordenación do tráfico en Ares que, ademais de priorizar as persoas por riba dos vehículos, procure alternativas ao tema dos aparcadoiros.
- Que parte da problemática do aparcamento en Ares deriva dunha política do desastre urbanístico que deixou o goberno do PP, incumprindo as obrigas de dotación de aparcadoiros nas novas construcións e mesmo a conversión dos espazos teoricamente reservados para aparcadoiro en baixos comerciais. Medida que, por certo, tivo continuidade co actual grupo de goberno. Chama a atención, pola contra, que o documento do PXOM -pendente neste momento de entrar en vigor- non contemplase estas cuestións e as medidas para corrixilas.
- Que este tema merece un debate demorado -a comezar, pola propia corporación- implicando tamén ao conxunto da cidadanía na información e nas alternativas que se pretenden implementar. Primeiro, un debate no seo da corporación, na procura do maior consenso para procurar que estas medidas non estean vinculadas a maiorías da corporación e teñan vontade de pernamencia no tempo.
- Que non se pode utilizar a situación derivada do COVID 19 -nomeadamente, no referido á procura de medidas que garantan a non transmisión do virus- como xustificante para aprobar, conculcando o procedemento legal establecido, un rosario de medidas que, ademais de non resolver a suposta masificación das praias, tampouco resolve acaidamente o tema dos aparcadoiros.
- Que a decisión da maioría da corporación -concretada na ordenanza agora aprobada-nin tivo debate demorado no seo da corporación nin moito menos o mínimo coñecementodo conxunto da cidadanía, agás as informacións contraditorias, a maioría das veces- que foron saíndo nos medios de comunicación.
- Que non é comprensíbel que, por unha banda se afirme a vontade de colaborar na recuperación para algúns sectores económicos do concello (hostalería, comercio….) dos efectos da crise do COVID, e por outra se poñan en marcha medidas que, como se está a evidenciar, están a repercutir negativamente na imaxe e funcionamento destes sectores.
- Que, Finalmente, o feito de tentar implementar esta medida cando xa ten pasado o ecuador do tempo no que tería que estar en vigor -tempada do verán- converte todo o traballo en estéril, non operativo na práctica para as medidas que se pretenden (mírese a nula utilización dos aparcadoiros disuasorios) e, en definitiva, negativiza os argumentos que habería que utilizar para facer un proceso verdadeiramente transparente e participativo.
Por todo o cal, formula as seguintes:
ALEGACIÓNS
Primeira.- A publicación da aprobación da Ordenanza vulnera o disposto na lexislación vixente -tanto para as ordenanzas municipais como para as fiscais- en canto ao proceso de aprobación da mesma, xa que na DISPOSICIÓN FINAL establécese que a presente Ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Boletín oficial da provincia da Coruña previo o cumprimento do establecido no artigo 65.2 da Lei 7/1985 do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, de conformidade co establecido no artigo 70.2 da mesma Lei.
Esta disposición final incumpre o establecido na lexislación aplicable, así temos:
Que o proceso de aprobación das ordenanzas municipais está especificado no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local que pola que:
“A aprobación das ordenanzas locais axustarase ao seguinte procedemento:
- Aprobación inicial polo Pleno.
- Información pública e audiencia aos interesados durante un período mínimo de trinta días para a presentación de reclamacións e suxestións.
- Resolución de todas as reclamacións e suxestións presentadas no prazo e aprobación definitiva polo Pleno.
No caso de que non se presentase ningunha reclamación ou suxestión, entenderase definitivamente o acordo ata entón provisional.”
Que o proceso de aprobación das ordenanzas fiscais está especificado no artigo 17do texto refundido da lei reguladora das Facendas Locais aprobada polo RDL 2/2004, do 5 de marzo, pola que:
- Os acordos provisionais adoptados polas corporacións locais para o establecemento, supresión e organización dos impostos e para o establecemento dos elementos necesarios para determinar as respectivas cotas tributarias, así como as aprobacións e modificacións das ordenanzas tributarias correspondentes, mostraranse no taboleiro de anuncios da Entidade durante un mínimo de trinta días, dentro dos cales os interesados poderán examinar o expediente e presentar as reclamacións que consideren oportunas.
- As entidades locais publicarán, en todo caso, os anuncios de exposición no boletín oficial da provincia ou, no seu caso, no da comunidade autónoma uniprovincial.
…
- Ao finalizar o período de exposición pública, as corporacións locais adoptarán os acordos definitivos que poidan proceder, resolvendo as reclamacións presentadas e aprobando a redacción definitiva da ordenanza, a súa derrogación ou as modificacións ás que se refire o acordo provisional. No caso de que non se presentasen reclamacións, entenderase definitivamente o acordo, ata entón provisional, sen necesidade de acordo plenario.
- En todo caso, os acordos definitivos a que se refire a sección anterior, incluídos os provisionais elevados automaticamente a esa categoría, e o texto completo das ordenanzas ou as súas modificacións, deberán publicarse no boletín oficial da provincia ou , se é o caso, da comunidade autónoma uniprovincial, sen entrar en vigor ata que se realice a devandita publicación.
…
Segunda.- Que a pretendida aplicación do estado de alarma sanitaria é totalmente inconsistente toda vez que o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 concluíu o 21 de xuño de 2020.
Terceira.- Que a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, ten por obxecto establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade non declara a suspensión da aplicación de ningunha Lei, como é lóxico ao carecer de facultade competencial para tal fin.
Cuarta.- que, como recolle a propia Ordenanza, o Concello de Ares optou por limitar o aforo das praias, de intensa ocupación en período estival, controlando a posibilidade de aparcamento para as persoas usuarias que acudan en transporte privado ás mesmas.
Do propio texto desprendese que a Ordenanza non é unha medida eficaz para o control de afluencia ás praias, xa que non regula o acceso ás mesmas do persoal que se desprace a pe ou por medios de transporte colectivo, polo que non podemos establecer nunha xustificación de aplicación de medidas ante a COVID-19, a aprobación desta ordenanza.
Quinta.- Que no apartado 1 do artigo 3, de establece que para o estacionamento nas zonas de aparcamento azul, dentro do horario indicado no apartado anterior e con independencia do tempo que dure a súa estancia no aparcamento, os vehículos deberán proverse con antelación do código que lles permita o estacionamento para cada franxa horaria mediante a súa adquisición a través da aplicación/ web habilitada para ese efecto.
Sendo que a día de hoxe a aplicación non está operativa na páxina non é procedente a aplicación deste artigo.
Sexta.- Que o mesmo sucede co disposto no artigo 4: “Dita tarxeta poderá ter unha validez de ata 2 anos fiscais, contados do 1 de xaneiro ao 31 de decembro. Finalizado devandito prazo deberá procederse á súa renovación. A súa solicitude realizarase ante a Policía Local de Ares, que dispoñerá para ese efecto dun formulario normalizado que deberán cubrir e presentar cuberto e asinado, achegado a documentación correspondente, no rexistro municipal” que tampouco se expediron por parte do Concello as tarxetas solicitadas e tampouco existe a solicitude para residentes empadroados.
Sétima.- Que parece desproporcionado a inmobilización do vehículo en tanto non se identifique ao seu condutor –artigo sétimo- toda vez que o artigo segundo determina que a condición de suxeito pasivo da taxa, en concepto de contribuínte, recae nas persoas físicas e xurídicas, así comonas entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, que gocen, utilicen ouaproveiten especialmente o dominio público local en beneficio particular.
En concreto:
- En calidade de contribuíntes, os condutores dos vehículos.
- Como responsable solidario do condutor do vehículo, o titular deste. Para estes efectos entenderase por titularesdos vehículos as persoas a cuxo nome figuren os mesmos no correspondente permiso de circulación.
Por todo o anteriormente exposto,
SOLICITO
Que se deixe sen efecto o acordo adoptado no Pleno na sesión de 14 de xullo do 2020, abrindo un novo proceso de debate -a comezar, no seo da propia corporación, mais tamén con información e participación da veciñanza e sectores potencialmente afectados- ao respecto das medidas de humanización dos espazos urbanos no noso concello, dun plan de mobilidade e, especificamente, de solución para a problemática dos aparcadoiros.
En Ares, a 8 de agosto de 2020
Asdo.: Emilio Mesías Farías
Concelleiro Portavoz do GM do BNG no Concello de Ares