Moción sobre a deficiencia no suministro de abastecemento de auga en Ares

O GM do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Ares, ao abeiro da lexislación vixente e como mellor proceda, presenta para o seu debate plenario a seguinte MOCIÓN POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE ABASTECEMENTO A USUARIOS E USUARIAS DE ARES.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O artigo 2 da Ordenanza fiscal reguladora da taxa por distribución de auga, incluídos os dereitos de enganche e utilización de contadores e instalacións análogas, establece que “Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo de distribución de auga, incluído os dereitos de enganche e colocación e utilización de contadores e instalacións análogas.”

Dende o mes de xuño a prestación do servizo de distribución de auga nalgunhas vivendas é moi deficiente, non recibindo a presión suficiente para cuestións tan básicas como o funcionamento do quentador de auga e tendo que facer a coada, ben en horas intempestivas ou en establecementos comerciais, co custe engadido que supón.

O abastecemento domiciliario de auga potable e saneamento (vertedura e depuración) trátanse de servizos municipais (artigo 25 da Lei de Bases de Réxime Local) cuxa prestación lles vén imposta a todos os concellos (artigo 26.1 da mesma Lei ) e respecto dos cales se establece a súa reserva a favor das entidades locais (artigo 86.3 , tamén do texto legal citado), o primeiro deles é imprescindible para a vida social ou privada dos solicitantes e o segundo é de recepción obrigatoria.

Como proba evidente das deficiencias no servizo baste traer a colación as declaracións do Alcalde de Ares en diversos medidos de comunicación e redes sociais, onde recoñece a situación e a relaciona co diámetro da tubaxe que trae a auga a Ares, insuficiente para atender tanta demanda nos meses de verán, ademáis da situación dalgúns tramos no centro de Ares onde as liñas non aguantan a subida de presión, xa que provocarían roturas.

O pasado 29 de Xullo, en instancia presentada polo noso Grupo Municipal no rexistro deste Concello e ao respecto de problemas de abastecemento en Cervás e Ares solicitábamos no pto. 5.- Solución urxente á problemática do abastecemento en vivendas de Ares, valorando incluso bonificacións -ou outro tipo de medidas- nas facturas, sobre dun servizo básico que non están a recibir en condicións.

Dende aquela, non temos constancia da toma dalgunha decisión ou medida por parte do goberno municipal.

A veciñanza que sufre dita situación síntese lóxicamente prexudicada pola actividade do Concello e de acordo coa Constitución e as Leis, teñen dereito a ser indemnizad@s por toda lesión que padezan nos seus bens e dereitos como consecuencia do funcionamento dos servizos municipais, salvo nos casos de forza maior, e que ese Concello debe responder directamente aos danos e prexuízos causados nos termos establecidos pola lexislación xeral sobre responsabilidade administrativa.

Que concorren os seguintes requisitos:

  • A efectiva realidade dun dano ou prexuízo avaliable económicamente e individualizado, en relación a unha persoa ou grupo de persoas que non teñan a obrigación de soportalo por non existir causa algunha que o xustifique.
  • Que o dano ou lesión patrimonial nos bens e dereitos sexa consecuencia do funcionamento normal ou anormal dos servizos públicos municipais e non se produciu por causa de forza maior. Por servizo público enténdese toda actuación, xestión ou actividade da función administrativa exercida mesmo coa omisión ou pasividade cando a Administración ten o concreto deber de comportarse dun modo determinado sen que teña relevancia o que o servizo se preste por concesionario ou por Fundación, Instituto, Organismo ou Empresa Municipal .
  • Que entre o dano e o funcionamento do servizo municipal exista unha relación directa de causa a efecto, sen intervención estraña que puidese influír no nexo causal ou neglixencia graves imputables ao prexudicado.

POLO EXPOSTO, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ares solicita deste pleno a aprobación do seguinte acordo

  1. Que non se lle facturen a taxa por subministro de auga potable á veciñanza que padece da deficiencia do servizo, dende o mes de xuño e namentres non se preste o mesmo coa calidade debida, procedendo á devolución das taxas xa cobradas.

En Ares, a 15 de agosto de 2020

Asdo.: Emilio Mesías Farías

Concelleiro Portavoz do GM do BNG no Concello de Ares

Share Button