A volta ao cole en Ares

A volta ao cole require sempre dunha posta a punto da maquinaria infraestrutural e organizativa. Aféctanos a todos e todas; administracións, docentes e familias.

No CPI de Ares arrastramos un problema dende hai moitos anos, que aínda non se solucionou; a súa ampliación, urxente e necesaria por un grave problema estrutural.

Pero non imos incidir no tema, porque a situación é agora moito máis complexa e require de solucións urxentes. Coas medidas da consellería respecto ao mantemento das distancias entre alumnado, hai un problema de capacidade engadida.

O Concello de Ares ten que ofrecer locais, espazos e solucións, que están na súa man, tanto ao colexio como á Consellería de Educación para solventar problemas que nos viñeron engadidos. Xa sabemos que a educación non é competencia municipal, pero temos que entendelo como a necesaria axuda que debe prestar o Concello nesta situación excepcional, máxime cando aínda non fixeron os deberes (e xa pasaron moitos setembros) de poñer a finca para a ampliación do CPI a disposición da Consellería.

A Consellería, pola súa parte, non debe obviar as súas responsabilidades no tema e debe traballar por dar solucións, medios e recursos.

O Concello de Ares debe mover ficha e xa, comezando por anexionar a finca da ampliación ao recinto escolar e posibilitar máis espazo para a organización docente, nun curso onde a pandemia deixou todo no aire e os ventos van ser imprevisibles.

Share Button