O BNG consigue o voto favorable do pleno para a reactivación da asistencia sanitaria


Os concelleir@s do BNG de Ares, Emilio Mesías e
Cristina Cadena, diante do Centro de Saúde

O pleno do Concello de Ares respaldou -coa abstención do PP- a moción do BNG sobre a reactivación da asistencia sanitaria. Entre as medidas acordadas, están a de “Realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria“, “Aumentar nos centros de saúde o número de profesionais que sexa preciso para permitir máis tempo e calidade da atención asistencial” ou “rematar coas listas de espera neste nivel asistencial“, entre outras.

Tal e como defendeu o Portavoz do BNG no Concello de Ares, Emilio Mesías, a Xunta sitúanos nunha inxusta contradición; dende hai uns anos temos mellores instalacións, pero empeorou considerablemente a atención sanitaria, cunha merma importante no cadro de persoal“.

A moción aprobada insta tamén á Xunta a incrementar o dotación orzamentaria para os centros de saúde.

  • Moción do marisqueo

Outra das mocións presentadas polo BNG que obtivo a aprobación por unanimidade, foi a que insta ao Concello de Ares a “iniciar os contactos e trámites coa Confraría de Pescadores de Ares, coa intención de elaborar un Plan de Marisqueo que sexa xestionado pola mesma, coa finalidade de crear emprego, poñer en valor os  nosos recursos naturais e ofrecer unha garantía ao consumidor.

  • Apoio ás iniciativas veciñais:

Noutra orde de cousas, o BNG tamén manifestou o seu apoio ás inciativas veciñais para as acometidas de abastecemento no lugar de Maiobre (Lubre) e a dotación de banda larga aos núcleo de Cervás, petición xa reiterada hai uns meses e na que se propón ao Concello o inicio de contactos con operadoras e empresas que fagan realidade unha óptima conexión a Internet.

Share Button