Adeus 2020 (o que foi) e benvido 2021 (o que debe ser)

Remata un ano pero non remata un ciclo. Son tempos de cambios e de descubertas. De reprogramar, repensar e tempos tamén de modificacións. Este ano ía de aprender, de pararse e analizar como estamos e o que facemos. Son tempos de preguntar e contestar ao respecto de cales son as prioridades e por onde deben ir as decisións.

A lección deste ano ía de valorar a vida na súa esencia e de comprobar como, nas políticas municipais, unhas cousas son prescindibles e outras non.

Así, temos un concello que non pode garantir o abastecemento á poboación nos meses de verán, que no inverno ten problemas de suministro eléctrico no alumeado público, que as estradas -nomeadamente nas parroquias- precisan dun mantemento, que non dun lavado de cara. Unha institución nada transparente cun grave problema de contratación. Unhas dinámicas baseadas nos fogos de artificio, sen traballar as bases que sexan quen de dar solidez a un proxecto de Concello pensado para vivir e convivir, aproveitando a riqueza dos recursos naturais sen explotar.

Cun novo centro de saúde e co peor dos servizos en moitos anos, por falta de persoal e de atención, onde se quere impoñer o contacto telefónico como práctica de atención na saúde, onde se demostrou que -para o goberno- a ampliación do novo CPI nunca foi unha prioridade.

Se outros concellos tivesen a riqueza forestal, paisaxística e patrimonial de Montefaro, con Sta. Catalina á cabeza. A potencia marisqueira e pesqueira da nosa ría, os verdes prados e campos sen cultivar en Lubre e Cervás… darían conta de reparar no erro do “eslabón perdido” de anos sen actuar.

O goberno municipal -a día de hoxe- carece de plan para resolver o cambio no cal estamos inmersos. O único plan que chegou co 2020 é o Plan Xeral de Ordenación Municipal, opaco de principio a fin e falto de acertos para proxectar unha nova mobilidade urbana, de accesibilidade ás instalacións portuarias, de facilidade de tránsito a persoas con mobilidade reducida, nais e pais con cadeiras de bebés… Un proxecto onde a cultura non está presente, onde o deporte é un espellismo na cidade deportiva de Pedrós, onde a actividade comercial está desaparecida, as rehabilitación dos cascos históricos ausentes e as posibilidades do rural esquecidas. Un plan sen motor económico nin atención ás novas necesidades.

Por todo iso e máis, cada decisión do 2021 vai ser importante, a comezar polos “Orzamentos municipais” aínda sen aprobar, e a continuar pola reformulación de decisións erradas en canto á organización de traballador@s, instalacións municipais, defensa e atención dos servizos básicos, nova redacción de ordenanzas, plans e un largo etc…

Os meus mellores desexos dun bo e ventureiro anivovo a todos e todas e de acertos nos plans e decisións.

Share Button