Plan único de Concellos POS+ 2021

Non foi sen tempo. A partida da Deputación que anualmente recibe o Concello de Ares tivo por fin o destino para o que foi creado: Afondar nas obras necesarias e adicar unha parte ao gasto social.

X. Regueira e Mª do Carme Muíño (GP do BNG)

As obras polas que leva loitando o BNG desde hai anos e que entendiamos como prioritarias; a dotación e reforzos de servizos básicos, a obra que vai posibilitar a ampliación do CPI As Mirandas, ou a dotación de lús no campo de Prados Vellos -insistentemente demandada polo Numancia- e solicitada hai anos polo noso grupo municipal, ten por fin acubillo no citado plan.

Certo é que imos tarde, moi tarde, porque até o de agora unha parte importante do “Plan” íase en obras que non eran urxentes nin prioritarias, de aí a nosa insistencia en concentrar os esforzos no esencial.

O Plan inclúe tamén unha obra sobre a que nós temos outro criterio; o aparcamento na finca do Club de Tenis Redes, sobre a cal asinóuse un convenio entre o propio Club e o Concello, en plena campaña electoral. Como manifestamos no pleno, esta obra non conta co noso voto favorable, porque entendemos que a mellor ubicación é na finca do Carballo, tal e como defendimos ao propoñer alternativas ao aparcamento proxectado polo grupo de goberno e incluído no PXOM.

Aínda así, o grupo de goberno recoñece e enmenda o erro de situar no PXOM un aparcamento con forte contestación social con criterio e argumento.

Ante a imposibilidade dunha votación de obras por separado, como manifestamos, consideramos que as nosas propostas tiñan que ter tamén o noso apoio, a pesar do desacordo da obra anteriormente mentada. De aí o noso voto favorable que resultou ser “por unanimidade de todos os grupos”.

O plan inclúe tamén 81.373,11 € para gasto social, o que vai posibilitar reforzar os servizos e axudas económicas para respiro familiar e medidas de conciliación, ampliar o servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, axudas as familias para gastos que faciliten a escolarización, material informático, acceso aos medios dixitais, ampliar e dotar as partidas destinadas a garantir ingresos suficientes ás persoas soas ou familias, maiores, persoas con diversidade funcional, mulleres en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero, con baixos ou nulos ingresos económicos, mediante axudas económicas para asegurar a cobertura das necesidades básicas: vivenda, alimentación, electricidade, gastos médicos ou farmacéuticos, transporte, que favorezan a integración, etc.

Non quería rematar sen sinalar unha cuestión importante. O grupo provincial do BNG entendeu, dende que accedeu ao goberno da Deputación, que o diñeiro dedicado a obras, gasto social, etc. tiña que reverter nos Concellos. Atrás quedaron os tempos de repartir os cartos entre “gobernos amigos” e de discriminar a moitos concellos.

O reparto fáise mediante unha fórmula igualitaria para todos os concellos da provincia, cuns ítems previamente fixados. A maneira máis xusta de proceder. Ademáis, xúntanse varios plans nun e se notifica con antelación á aprobación orzamentaria, de maneira que os mesmos poden dispoñer dunha previsión certa.

Un detalle que non debera pasar desapercibido aos cidadáns e cidadás, para entender como xestiona cada grupo os diñeiros públicos, tamén aquí hai diferenzas. Vaia o meu agradecemento ao Grupo Provincial do BNG por tan xusta decisión.

Share Button