Orzamentos 2021 no Concello de Ares

Hoxe debatimos o proxecto de Orzamentos 2021 no Concello de Ares. Son, no esencial, uns orzamentos continuístas a pesares da situación extraordinaria que estamos a vivir -debido á pandemia- dende o mes de marzo do ano pasado.

Na “Memoria explicativa” cítase – e moito- esta circunstancia, pero adoece de medidas destinadas a facer fronte á situación que dela se deriva e que debería implicar un cambio radical na filosofía da xestión orzamentaria.

Hai unha intención, que non pasa de aí, de solicitar un préstamo de 2.000.000 de € para realizar obras que non están concretadas nin incluídas no documento, polo que non deixa de ser máis que unha vontade ou unha intención. Tampouco se inclúen os compromisos doutras adminstracións para a execución de proxectos de calado. A maiores, nas “Bases de execución” expecifícase que “neste exercicio non se ten previsto concertar operacións de préstamo” o que reforza a nosa visión de que a idea do tal préstamo é máis unha vontade sen concretar, sen fondo nen forma.

Repítese a política en materia de persoal cun grande problema engadido, debido á situación de abuso de contratación e de fraude de lei no cal se atopan moitos dos contratos dos traballadores e traballadoras. Unha situación derivada do incumplimento da Directiva Europea e que no caso do Concello de Ares, ao igual que moitos concellos, deputacións, autonomías e o mesmo estado español teñen sen solucionar.

Inclúese, como previsión, a creación dunha nova praza de administrativo para a Policia Local, medida que non vemos xustificada, xa que cunha mellor organización dos RRHH poderíase resolver, de ser necesario. Apoiamos, iso si, o aumento da plantilla de Oficiais da Policía Local, xa que a día de hoxe só contamos con dúas persoas, incumplindo a ratio estimada axente-habitantes.

O que si é urxente e necesario é a praza de Interventor, reclamada un ano máis por nós así como polo Secretario-Interventor no seu informe. Os orzamentos negan unha vez máis esta posibilidade, que sería o garante dunha efiencie e eficaz fiscalización económica.

En canto aos ingresos, recoñece a memoria explicativa de alcaldía, que malia entrar en vigor o PXOM definitivo “non se espera reactivación en obra nova, anque si a nivel de rehabilitación e reformas”, novamente hai un erro na previsión en ingresos por IBI urbana e rústica. No ano pasado, o resultado foi de máis de 350.000 € que se preveían ingresar e que finalmente non se ingresaron.

Volvemos incidir nas subvencións nominativas a entidades, cun reparto que non se xustifica de ningunha das maneiras e que aplica o “café para todos” pero de maneira inxusta, sen ter en conta o traballo do tecido asociativo, das actividades que ofrecen e do traballo que realizan.

Séguese a computar máis de un millón de € como Dereitos pendentes de cobro de exercicios pasados que son de dubidoso ou imposible cobro. Este artifício fáise para que coincidan os ingresos cos gastos, pero non é real.

Non se prevén, no documento, medidas destinadas á creación de emprego, apoio ao comercio local, hostalería, etc.. nin plans para a reactivación económica a partir dos recursos naturais dos que dispoñemos ou doutras cuestións que poderían ser interesantes.

A presión fiscal (€ por hab.) mantense como das máis altas da provincia e tampouco hai variación á baixa.

En resumo; uns orzamentos que non responden ao momento actual que estamos a vivir e que non van representar unha mellora sustancial na veciñanza, máis ben son a continuación dunha política sen ideas, sen ambición e sin un modelo de concello definido.

Os orzamentos que ascenden á cantidade de 6.288.484,42 €, saíron adiante cos votos a favor do PSOE e NAL (8), a abstención do PP (3) e o voto en contra do BNG (2).

CADRO PREVISIÓN DE INGRESOS
1 Impostos Directos 2.139.500,00 €
2 Impostos Indirectos 100.000,00 €
3 Taxas e Outros Ingresos 1.625.670,00 €
4 Transferencias Correntes 2.154.479,89 €
5 Ingresos Patrimoniais 300,00 €
6 Alleamento de Investimentos Reais 0,00 €
7 Transferencias de Capital 268.534,53 €
8 Activos Financeiros 0,00 €
9 Pasivos Financeiros 0,00 €
TOTAL INGRESOS 6.288.484,42 €

CADRO RESUMO PREVISIÓN DE GASTOS
1 Gastos de persoal 2.018.680,00 €
2 Gastos en bens correntes e servizos 3.153.000,00 €
3 Gastos financeiros 33.000,00 €
4 Transferencias correntes 264.838,00 €
5 Fondo de continxencia e outros imprevistos 0,00 €
6 Investimentos reais 418.966,42 €
7 Transferencias de capital 0,00 €
8 Activos Financeiros 0,00 €
9 Pasivos Financeiros 400.000,00 €
TOTAL GASTOS 6.288.484,42 €

Share Button