Unha convocatoria urxente e extraordinaria para “colar” un préstamo de 2 millóns de euros

O goberno municipal recurríu, o pasado martes 20 de abril, a unha estratexia que non casa coa responsabilidade, mesura e respecto ás institucións que se lle supón a un goberno democráticamente elexido.

Convocar unha sesión plenaria con 24 h. de antelación para resolver a aprobación dun crédito de 2 millóns de euros sen tempo para mirar e estudar o expediente e para poder tomar un posicionamento non é de recibo.

A xustificación da sinatura de préstamo é a vontade para a realización de obras coa idea de solventar o grave problema do abastecemento no Concello. Asúmese polo tanto, a grave e endémica situación do servizo de abastecemento no noso concello e recoñécese que tal tema non foi nunca unha prioridade e -aínda máis- que houbo un total abandono, a pesar das múltiples peticións que realizamos dende o BNG durante todos estos anos e dos vergonzosos casos de desabastecemento que está a sofrir parte da veciñanza nalgunha época do ano.

Benvido sexa o recoñecemento, anque a sinatura do préstamo cun expediente moi collido polas pinzas, sen proxectos que o concreten máis alá da intencionalidade non garante a realización das obras que tanto demandamos.

Un crédito que non era preciso asinar se a situación de mantemento dos servizos básicos que ten que ser ordinario, continuado e mellorado, tivese a atención, o celo e a preocupación de quen ten a responsabilidade de goberno dende o ano 2007.

Resolver unha cuestión ordinaria pola que pagamos taxas e impostos, mediante unha decisión extraordinaria e urxente resulta dunha nefasta política económica e de xestión. É como se unha familia gasta o diñeiro que ingresa en ir de festas e vacacións, mentres pide un préstamo para alimentarse, vestirse e formarse.

A urxencia da convocatoria, cun expediente sen concrecións de actuacións tampouco está xustificada, por iso o BNG non ratificou a convocatoria urxente e extraordinaria, que precisa de concrecións datos e toma de acordos, non participamos de estratexias cuxa finalidade non é rectificar as decisións políticas e encamiñar solucións, senón perpetuar decisións que levan aparellado un novo endebedamento, nun concello – o de Ares – que padece das maiores cargas fiscais da provincia.

Á atención dos servizos básicos para a veciñanza que tanto demandamos era e é posible con vontade política, centrándose no importante. O préstamo é a desculpa para continuar – no ordinario – coas festas e vacacións e de paso, intentar facer campaña co diñeiro que imos pagar tod@s.

Share Button