En Ares non te pares: Obxectivo dunha nova política de emprego

Estes días saía a nova relativa ao paro na comarca. En primeiro lugar, debemos destacar que esta “grande lacra” segue a ocupar o primeiro posto no nivel de preocupacións da nosa sociedade, o cal imprime certa importancia á noticia.

Os datos do Paro son o termómetro que mide as temperaturas ao respecto das políticas económicas e laborais dos concellos, do país e do estado. O noso concello presenta un cadro febril alto e constante.

Pois ben, segundo os datos publicados e en relación có noso concello e comarca, constátase que as decisións politicas que impiden o dereito a producir e a traballar na nosa terra, a saber; prohibición á antiga Astano á produción de buques civís, Decreto do Carbón ou as malchamadas políticas de reindustralización, que semellan mais ben de “retroindustrialización”, son o xerme dunha parálise produtiva e polo tanto da parálise no desenvolvemento económico e social da nosa comarca.

Pero ademáis, temos a particularidade de que en Ares aumenta tamén o número de parados e paradas nun sector, o de servizos, que é un dos alicerces básicos para poder avanzar no desenvolvemento económico, na creación de emprego e na consolidación de poboación. Eixos básicos para definir e planificar o modelo de concello que precisamos.

Claro que nestes datos non están os homes e mulleres que atopan traballo noutras zonas do estado ou no estranxeiro. Importante é o número de persoas que traballan “nos muiños de vento”, amigos, familiares e veciños, ao cabo, que sofren tamén dalgunha maneira os danos colaterais da famosa foto na toma de posesión do Presidente Feijoó, recibindo os parabéns dun importante persoeiro do sector das eléctricas e que foi un chanzo máis da estratexia planificada dende o PP e que tiveron eco nos medios de intoxicación escrita.

Convén recordar a colo disto que recentemente unha sentenza do TXdG botou por baixo aqueles intentos (intentar) de que as afirmacións do PP ao respecto da ilegalidade do Decreto Eólico dos nacionalistas enturviasen o verdadeiro motivo do Decreto: “Polo dereito a traballar, a producir e a desenvolver a nosa economía tamén cós nosos propios recursos”.

Certo é que as competencias no campo do emprego dos concellos son máis que limitadas, escasas. Certo é que recentemente o presidente Feijoó considerou que non tiña competencias para abordar o tema do paro no noso país. Poderiamos precisar que resulta incompetente mais o certo é que, ademáis, resulta incomprensible.

Pero supoñer que os que teñen a tixola polo mango neste campo e que son os mesmos responsables na destrución e na “non creación” de emprego, Goberno do Partido (socialista, obrero) Español, van ser os catalizadores que arranxen este problema de “funcionalidade motórica” sería moito supoñer.

O que nos queda é o que debemos: ACTUAR.

O noso concello debe activarse máis que nunca na loita contra estas medidas políticas que agreden os nosos sectores produtivos; o noso propio ser. Ademáis debe activar mecanismos para apoio a eses sectores que forman parte do noso tecido produtivo, nomeadamente o comercio (esquecido durante moitos anos) e a hostelería.

Nunha reunión que mantivemos recentemente con Autónomos e Empresarios do sector do comercio e hostelería, constatáronos a falta de información e apoio por parte dos departamentos municipais. Xa que logo, estamos no certo cando dicimos que é necesaria unha reorientación das políticas a dirixir na Axencia de Desenvolvemento Local.

Penso que é preciso políticas de apoio á formación en sectores como comercio e a hostelería, á potenciación e promoción do Mercado Municipal tal e como viña apuntando o BNG no programa electoral de 2007. O fomento do asociacionismo comercial, o Desenvolvemento dun Plan de Recursos Turísticos, partindo do potencial que representa o noso patrimonio histórico-artístico e natural, as nosas tradicións, a política cultural e deportiva, etc. Neste campo, apostamos porque os programas a desenvolver superen a oferta estacional, abrindo e diversificando os mesmos durante todas as épocas do ano. A realizacion –en colaboración coa Xunta– de programas formativos para o comercio de proximidade, que implique melloras na calidade, xestión e administración…

Considero necesario tamén, que o concello conte cunha contratación de persoal obxectiva e transparente, onde primen criterios de capacidade, publicidade e méritos á hora de facer convocatorias de persoal ao servizo do concello.

En resumo: máis políticas activas de emprego, máis preocupación real polos nosos sectores potenciais e pola situación laboral da nosa xente e menos propaganda partidista.

Unha ciavoga certeira que abandone as politicas municipais que se veñen rexistrando en Ares nos últimos anos.

Share Button