A estrada de Chanteiro: facer posíbel o que é necesario

A frase non é miña, pero ven ao caso. O certo é que – agás para quen se incorporou a última hora ás preocupacións das nosas cousas – a demanda do amaño da estrada que vai de Ares a Chanteiro é unha vella, reiterada e, sobre todo, necesaria demanda. No meu caso, coñecida antes, e padecida desque fixei a miña residencia en Cervás; como poiden explicarlles “in situ” ás compañeiras e compañeiros da candidatura do BNG cando a mediados da semana visitamos esta vía de comunicación.

Explicando o proxecto

Unha ocasión que non só nos permitíu visualizar do xeito máis directo posíbel as deficiencias desta estrada – as estruturais, e tamén as derivadas das obras da EDAR, que van pola estrada – senón tamén explicar o contido do proxecto que a Deputación de A Coruña ten previsto executar; que xá fora adiantado hai agora un ano aproximadamente polo Vicepresidente da institución, o nacionalista Pablo Villamar. Tamén naquel momento tíñase valorado a idoneidade de agardar a que se fixesen as obras de canalización do abastecimento a Cervás – pendentes de executar pola Xunta – para acometer a ampliación e dotación de servizos na estrada.

 Alguén comentaba, durante a visita, a perigosidade da estrada, como resultado do escaso ancho da calzada ( reducido incluso nas obras de asfaltado realizadas nos anos 90) asi como a escasa visibilidade en algúns tramos e tamén o intenso traballo de reivindicación das obras que o BNG sempre abandeirou; como proban as iniciativas que o daquela Portavoz do BNG na Deputación, o noso compañeiro Manolo, facía para que a institución asumise esta obra como prioritaria. (ver documento adxunto)

Unha longa reivindicación que, como dixo o compañeiro Anxo -persoa que ben sabe como foi todo o proceso ao estar do lado dos veciños e veciñas de Chanteiro neste e outros temas- semella descoñecer o actual grupo de goberno; se nos atemos á información que fica recollida nunha nota de prensa da web municipal do pasado dia 8 ( que, curiosamente, figuraba xá o día anterior literalmente pendurada do blog persoal do Alcalde ) ocultando intencionadamente que foi Pablo Villamar o que persoalmente asumira xá no ano 2008 perante a Comisión Veciñal de Chanteiro o compromiso de que se realizase o proxecto técnico da obra e, sobor de todo, se incluise dentro dos plans da Deputación, como así se fixo. Todo un exemplo, unha vez máis, de manipulación entre o ámbito institucional e partidario, ese “cóctel perigoso” ao que tantas veces  nos teñen acostumados.

Agora, cando se lle están a remitir as comunicacións aos propietarios dos terreos afectados, botouse en falta tamén máis información por parte da institución municipal que, precisamente logo dunha demanda que se fixo desde o BNG, puxo a disposición da xente o proxecto técnico das obras que se van a realizar. E que, unha vez máis, a política de “información e transparencia” exércese só para o protagonismo e autobombo; máis poucas veces para darlle á xente a información que verdadeiramente precisa.

Pero volvo ao proxecto que se vai executar; seguramente un dos máis importantes ( tamén en investimento económico ) a realizar na rede viaria do concello de Ares. E un dos que vai permitir mellorar as comunicacións de tres núcleos importantes do concello – Chanteiro, Cervás e Lubre – coa vila e tamén co exterior. Unha obra fundamental para garantir a seguridade vial e os accesos en condicións aos máis singulares paraxes do ponto de vista natural, como é toda a costa que vai de Ares a Chanteiro, con Coitelada, O Segaño e a praia de Chanteiro como referentes. Ou ás mais importantes xoias arquitectónicas, como o Mosteiro de Sta. Catarina de Montefaro, ou as antigas baterías militares situadas en toda esa península.

Reinvindicar, pois, a urxente execución do abastecimento en Cervás; e urxir a posterior execución das obras da estrada Ares-Chanteiro. Aí estará – como estivo ata agora – un dos eixos a desenvolver polo BNG, aínda que neste caso será desde o goberno municipal a partir do vindeiro 22 de Maio.  Como a estrada de Ares a Chanteiro, hai que facer posíbel o que é necesario.

Share Button