Isto é o que hai de ‘BNG’

Maio 5th, 2011

En campaña! Demostraremos que somos a Alternativa que os concellos precisan

A escasas horas de comezar a campaña reanudo as miñas obrigas epistolares neste blog que, confeso, teño algo abandonado. Non se dá feito todo e estes meses me dediquei a patear o País, e a estar con moitísima xente, xente que en xeral o está a pasar mal cunha crise que os de abaixo non provocaron pero que son os de abaixo os que a sofren.

Esta campaña vai de concellos, pero vai tamén de todo o demais. Os concellos non son entes abstractos. Están nun contexto. E o contexto hoxe é un contexto estremamente difícil para miles dos nosos compatriotas, a comezar por eses cases 250 mil que están no paro, un triste récord que anotar no debe do Goberno do Estado e tamén ao Goberno da Xunta (se o presidente Feijóo non se dá por inteirado que lle pergunte ao candidato Feijóo que este último prometeu resolver o asunto este en 45 días).

Imos facer campaña con entusiasmo e con toda enerxía, unha campaña limpa, de propostas, construtiva, a anos luz do lixo vai, lixo vén, co que nos castigan o bipartidismo estatal.

Unha campaña que modestamente vai demostrar, coido, que somos a Alternativa galega de esquerdas que os concellos precisan para deixar atrás as políticas fracasadas do PP (Xunta) e do PSOE (Estado).

Alá imos e, desde logo, queremos contar contigo na viaxe!

Abril 6th, 2011

Intervención na Convención Electoral Municipal

O 26 de marzo reunímonos en Santiago de Compostela para celebrar a Convención Electoral Municipal do BNG. Alí demostramos a forza do BNG. Velaquí reproduzo a miña intervención neste foro.

Compañeiros, compañeiras, boas tardes
Moitas grazas a todos e todas por estar aquí, nesta Convención Nacional. Grazas polo voso compromiso e polo voso traballo.
Non hai dúbida, a vosa presenza evidencia que aquí está o BNG. Como o demostran tamén os candidatos e candidatas que acaban de intervir.
Hai alternativa! Hai proxecto! Hai solucións! Claro que sí!
Grazas a todas e cada unha das persoas que formades parte das listas do BNG: do primeiro ao último reserva. Listas renovadas case nun 50%.
E, permitídeme que, de xeito especial, agradeza a súa contribución ás persoas que por primeira vez se incorporan ás nosas candidaturas. Tamén aos mozos e mozas. Sodes a mellor demostración de que hai nazón! Hai BNG! Hai futuro!
Compañeiros, compañeiras:
O BNG afronta as eleccións de maio con toda confianza, con vocación e posibilidades certas de gobernar en moitos concellos. Sabendo que hoxe somos unha forza política en ascenso e por iso, sen dúbida, sí saímos a gañar este partido!
Comprometidos, sen medias tintas, cos intereses de Galiza e da súa maioría social. Comprometidos co noso idioma, coa nosa cultura, coa sanidade e o ensino públicos, coa defensa dos nosos sectores produtivos.
Por que é tempo de compromiso, tempo de elexir campo.
Eleximos estar do lado da xente e dos seus problemas.
Porque, compañeiras, compañeiros: os problemas das persoas son os nosos problemas.
A defensa de políticas econóicas e sociais a favor das persoas é a nosa tarefa. A favor das persoas, sí, porque da defensa dos Botín ou das grandes corporacións xa se ocupan outros. Xa se ocupan o PSOE e o PP.
Compañeiras, compañeiros, as eleccións municipais vanse celebrar no marco dunha profunda crise económica e social, sen que se vexa a luz ao final do túnel.
Os gobernos central e galego comparten e aplican as mesmas receitas, receitas de dereita:
-Privatización do sector público
-Diminución do gasto social
-Retallamento de salarios e pensións
-Suba de prezos
Receitas de dereitas onde o único que importa é «tranquilizar» a eses anguriados banqueiros, pobriños eles!
Políticas que nos condean ao paro e á emigración, como nos vellos tempos do «vente a Alemania, Pepe».
Por iso, e máis necesario ca nunca facer políticas a favor das persoas. Para iso queremos gobernar e gobernaremos os concellos.
Concellos activos contra o paro, activos contra a desigualdade, activos na protección dos máis débiles, activos na defensa do idioma e a cultura.
E eu pregúntovos: quen senón o BNG? Quen?

Compañeiras, compañeiros, non hai nigunha dúbida -e menos despois da brillante intervención de Carlos Aymerich no Debate do Estado da Nación- o BNG é a única alternativa frente ás políticas de dereitas, frente ao PP.
Ese PP que nada menos quere levar aos concellos a política que fai na Xunta. Pois estamos aviados!
Esa política de «facer máis con menos» que só ten de certo… que fan menos.
Levar aos concellos a mesma incompetencia que demostran na Xunta frente ao paro, ou acaso queren extender o modelo PP nas Deputacións, ese sí, capaz de xerar emprego poñendo 40 porteiros para dúas portas.
Pero que poden esperar os galegos e galegas do PP nos concellos? Ese PP tan experto na utilización do lixo, da mentira masiva como arma política, como incompetente para resolver os problemas da xente.

Si, señor Feijóo, lixo e mentira masiva. Por se non estivera claro, (que o estaba) o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de sentenciar que o decreto eólico, impulsado polo BNG, é ABSOLUTA E TOTALMENTE LEGAL, PUNTO POR PUNTO.
Poñendo aínda máis claro que o PP mentiu, e o que é peor, mentiu sabendo que mentía co único fin de facer un novo concurso eólico, esta vez sí, para darlle o noso vento aos seus amiguetes e amigotes.
Señor Feijóo, por hixiene democrática, cando menos, pida perdón. Xa non ao BNG, xa non a Fernando Blanco, pida perdón aos galegos e galegas por mentirlles.
Iso sí, con propósito de enmenda, porque seguen dalle que dalle!
Por hixiene democrática, cese aos autores da campaña de difamación. Ou mellor, césese a sí mesmo e acabamos antes!

Compañeiras, compañeiros, afrontamos estas eleccións tamén coa confianza que nos dá ter os deberes feitos.
A xente sabe que alí onde goberna o BNG as cousas cambian para ben. Sabe que somos quen de construír concellos para vivir e traballar e, o que é máis importante, concellos dos que se sinten orgullosos os veciños e veciñas.
E construíndo concellos democráticos, participativos, galegos… construímos país, nazón.
Concellos de premio! O labor dos gobernos do BNG é xa recoñecido por todo tipo de institucións. De Boiro a Pontevedra, de San Sadurniño, a Vigo.
O noso aplauso para os alcaldes e alcaldesas, para os equipos de goberno, para todos os nosos concelleiros e concelleiras.

Compañeiras, compañeiros, somos a alternativa. Frente á privatización das caixas, frente ás políticas económicas antisociais, frente aos lobbys eléctricos tan interesados na enerxía nuclear e aos lles volvemos dicir como sempre fixo o nacionalismo: NUCLEARES NON! Frente á nova guerra económica en Libia, por moito que a queiran disfrazar de guerra humanitaria -haberá guerras «humanitarias»?- o que hai máis unha vez son intereses económicos: petróleo!
Nunca unha queimadura se tratou botándolle enriba auga fervendo!
E teño que dicilo: estou orgulloso de ser do BNG, orgulloso de estar representado no Congreso por Paco Jorquera e Olaia Fernández, quenes con dignidade dixeron alto e claro: GUERRA NON!
Compañeiras, compañeiros, somos un gran pobo! Tan traballador, preparado e emprendedor como o que máis. Só temos que confiar en nós mesmos. Seguindo a Castelao, só temos que perder o medo a voar sós! Sacudirnos de enriba as casposas políticas centralistas de dereita. E temos unha boa ocasión o 22 de maio.
Somos a alternativa á dereita!
Co esforzo, coa decisión, todos a unha, defendendo sen complexos na sociedade a alternativa do BNG, frearemos as divisións panzer do PP! Frearémolas!
O éxito do BNG é o fracaso do PP!
Compañeiras, compañeiros, ninguén nos axudará, mais co BNG a tope somos imparábeis!
Ánimo! Adiante! Decisión de vencer! Viva Galiza! Viva o BNG!

Abril 5th, 2011

Declaración «Nucleares, non. Solidariedade co pobo xaponés»

Eis a declaración que lin, en nome do BNG, esta semana na praza do Obradoiro, en solidariedade co pobo xaponés e rexeitando a enerxía nuclear.

O Bloque Nacionalista Galego quer reiterar hoxe a súa máis profunda solidariedade co pobo xaponés ante a enorme traxedia humana que o afecta desde o pasado 11 de marzo.
A combinación do terremoto, tsunami, e a catástrofe nuclear que estes fenómenos naturais desencadearon teñen colocado o pobo xaponés ante unha durísima proba.
O BNG fai votos para que se salde cos menores danos humanos posíbeis. read more »

Marzo 7th, 2011

13-M: un bloque social para defender o País

Comeza unha semana moi importante para as e os que defendemos un futuro distinto para o noso País. É a semana da manifestación do 13-M que convocamos conxuntamente BNG e CIG baixo o lema de Galiza ten Dereito, en defensa do Aforro, o Emprego e o País. Unha mobilización que ten como obxectivo pór en marcha todas as enerxías do noso pobo en defensa de principios básicos para calquer nación: o dereito a dispor do seu propio aforro, o dereito a desenvolver políticas que críen riqueza e postos de traballo dignos, o dereito ao pleno autogoberno.

Estou esperanzado porque sei que non estamos sós. Sei que canda nós está un bloque social de miles de galegas e de galegos que se ten expresado con moita clareza durante estes dous primeiros anos de desgoberno Feijóo. Un bloque social que se ten botado ás rúas para defender a súa lingua frente a un Goberno que no canto de protexela fai todo o que está na súa man para minorizala; un bloque social que tamén ten protagonizado mobilizacións históricas en defensa dos nosos hospitais públicos ou que ten convertido a Galiza, nas dúas folgas xerais, na vangarda das protestas contra as medidas antisociais adoptadas polo Goberno do PSOE.

A VOZ DA RÚA FRENTE AO DESGOBERNO FEIJÓO

A forza deste pobo ninguén a poderá deter. Por moita blindaxe propagandística da que dispoña o desgoberno Feijóo, a voz da rúa vaise acabar abrindo paso. Por dignidade, por xustiza e por necesidade material elemental. Coas políticas que patrocinan PSOE e PP através dos aparatos gubernamentais do Estado e da Xunta, Galiza non ten futuro. É algo que vai alén da crise. Levamos séculos aturando os efeitos negativos das políticas centralistas, de políticas pensadas para realidades distintas da nosa. É hora de apostar claramente por nós propios, polas nosas propias forzas, por unha vía xenuinamente galega.

TRABALLO NAS INSTITUCIÓNS E MOBILIZACIÓN SOCIAL

Levamos ben máis de ano e medio criticando o que hai -basicamente as propostas neoliberais de PP e PSOE- e dicindo a continuación que si hai alternativa, porque a hai. E levamos ben máis de ano e medio dicindo que o BNG concibe a política non só como a práctica do traballo nas institucións, senón tamén como mobilización social. Non pode haber política nacionalista e de esquerdas sen a suma do traballo institucional e a mobilización social. En definitiva, Galiza non ten futuro se o pobo galego, e as maiorías sociais, non participan activamente na vida pública. E aí os formatos son múltiples: indo a manifestacións, acudindo a actos e a asembleas, ensanchando as redes sociais, vertebrando o País por abaixo, falando con compañeir@s e amig@s no traballo ou nos espazos de lecer…

Estamos no momento en que ese bloque social debe ser o protagonista. Estamos no momento en que ti, amábel leitor deste blog, tes que ser o protagonista. Está nas nosas mans. Realmente nós temos o poder porque somos máis. O que temos é que animarnos a exercelo. O que temos é que derrotar a lóxica da inercia e da resignación. O que temos é que pelexar polo Futuro, como fixeron os que nos precederon e os que conquistaron as cousas -o aforro, o emprego, certos dereitos sociais- que agora os neoliberais de toda caste pretenden arrebatarnos. Non llelo permitamos. Galiza ten Dereito. Fagámosllo saber este domingo en Santiago de Compostela. Demostrémoslles do que é capaz o pobo galego.