Isto é o que hai de ‘Sen categoria’

Maio 20th, 2011

Peche de campaña

Cando cheguéi a casa do mitin de Vigo, miréi a ver se a Xunta Electoral Central «dictara sentenza» sobre as movilizacións. Tardaron horas para concluir o que concluiron. Teño que dicer que non me parece ben a decisión de prohibir concentracións e movilizacións porque son a expresión dun dereito democrático que se está a obstaculizar. De todos os xeitos, por moito que traten de calalo, aí está.

Hoxe remata a campaña electoral. O último mitin será este serán en Pontevedra. Temos que enchelo, temos que rebosar xente por todas partes deixando claro que somos moitos os que queremos unha poltica distinta. Pídovos un voto masivo ao BNG ou do contrario gañará a dereita pura e dura do PP e veremos como emerxe o seu programa oculto consistente en retallamentos sen contemplacións. Confío nesa maioría que sabe que o domingo está en xogo a cor política dos concellos galegos. Hai que elexir entre as políticas que se fan de costas á xente e as políticas que están acarón dos intereses das persoas. Hai que escoller entre os que parecen os representantes da banca e dos intereses financeiros e os que estamos coas preocupacións das persoas.
Lémbrovos que o BNG votou en contra da reforma laboral, que o BNG votou en contra da conxelación das pensións e da baixada dos salarios dos funcionarios, e en contra da retrógrada reforma das pensións. Iso é estar coa xente.

Despois, tede en conta que o PP non fixo nin unha soa proposta en campaña pero non vos levedes a engano. Ten propostas pero non as dí. Non hai que se fiar do que non vai coa verdade por diante e non conta o que vai facer. Pero nós sabemos que a súa medida estrela é levar a cabo un durísimo axuste antisocial, adelgazando o xa malferido Estado de Benestar. Xa vedes o que está a facer na Galiza.

Aí van unhas fotos do mitin de Vigo de onte á noite.

Maio 19th, 2011

Xoves, 19 de maio

Xa non queda nada para rematar a campaña. Estamos na víspera do peche, mañá será o último acto antes das votacións do domingo 22 M.
Un final marcado polas movilizacións da mocidade, dos indignados, cansados e fartos por tanto despropósito e falla de expectativas. É moi positivo movilizarse e rebelarse, máis parte desa ación é tamén votar o domingo. Para cambiar as cousas hai que votar, non o dubidedes.

As fotos que achego son do mitin de onte á noite en A Coruña. Espectacular, mirade como estaba o teatro, ate os topes.
Coa súa alusión á marea azul, Feijóo obrigoume ao chiste fácil porque o puxo en bandexa. Quere que vos sumedes á marea azul do PP, máis digo, que marea azul?se a única marea que o PP trouxo a Galiza foi a marea negra que de seguro non esquecéchedes. Teñen querencia polo azul, venlles do pasado. Pero a cor que define as súas políticas é o negro: co PP hai negro presente e negro futuro. Parade a marea negra pepera votando ao BNG.

Parte do que está denunciando a mocidade nas súas concentracións, témolo dito moitas veces desde que o Goberno central aprobara axudas á banca. Políticas ao servizo dos grandes banqueiros, políticas dóceis coas entidades financeiras e entregadas ao gran capital. Políticas de costas á xente que esquecen as necesidades da cidadanía. Levamos tempo clamando por políticas para as persoas porque tanto o PP como o PSOE só se ocupan da solvencia dos banqueiros. É hora de rematar coa ditadura dos mercados.

Maio 18th, 2011

Mércores, 18 de maio

Aquí estou de novo. Aí abaixo hai unha foto miña viaxando no coche. Pareceume moi oportuno inserila porque resume o que é unha campaña. Coche para un lado e para o outro a maior parte do tempo. Hai unha axenda que cumprir e tamén un pais que percorrer, o noso, Galiza. Así que a primeira casa en campaña electoral é o medio de transporte. Neste habitáculo é onde podo pensar, escreber, preparar os actos, ler, meterme no ordenador, twittear ou bloggear.

Vin o que dixo Feijóo de que ía crear emprego. Vou ser moi resolutivo: paréceme un insulto á intelixencia dos galegos e das galegas dicir que vai crear emprego despois da situación de medre do paro en Galiza desde que el está na Xunta. Que fixo até agora? Direino moi escuetamente, nada. Limitarse a comentar, a empregar a súa habitual coletilla de culpabilizar ao Goberno central de todo, e non actuar cando podía ter feito moitas cousas.
E o de Baltar no mitin de Morgade, non me digades que non é vergoñento. Son a caverna. E non é un verso solto, é pura cepa PP. Por que Feijóo non o desautoriza? Por que non o bota do partido?. É a viva expresión de como concibe o PP a democracia, con métodos propios do feudalismo, co Señor feudal e o vasalo. Debemos mellorar a calidade da democracia, levamos moito tempo dicindo o mesmo. O sistema democrático precisa dunha rexeneración.

Compartimos moitas das cuestións que os mozos e mozas están a reivindicar coa súa rebeldía nas prazas de diferentes puntos do Estado, e que o BNG leva tempo reclamando. Pero non esquezades que é moi importante actuar. Rebelarse e indignarse é algo necesario pero é preciso votar. Votade a unha forza de esquerdas e galega, votade ao BNG.

Maio 17th, 2011

Días das Letras

Hoxe xa nen poño a data porque basicamente é o Día das Letras galegas. Unha xornada de homenaxes a Lois Pereiro e ao galego. Máis pídovos que fagades tamén un exercicio de reflexión pausado sobre o estado da nosa lingua. Sobre os ataques que o PP está a perpetrar desde a Xunta ao que é un patrimonio de todos os galegos e galegas. Pensade no devir da nosa lingua, no seu día a día. E sobre todo, non deixedes de utilizala. É a mellor garantía para que siga existindo, e a mellor resistencia aos decretos anti-galego do PP.

Deixo unha foto do mitin de onte á noite en Ferrol. Ateigado de xente como podedes ver. Son momentos de falar de política con maiúsculas, política como servizo público algo que se anulou nos últimos tempos. Foi a ausencia de política, a idea de que os mercados se regulaban soliños un dos factores que causaron a crise.
Como alternativa a tanta desfeita, reivindico unha política galega e de esquerdas. Exhibo con orgullo a opción do BNG.