O BNG non naceu para aceptar mansamente as políticas que se nos impoñen desde fóra. O BNG naceu para transformar as cousas e para pormos o País no lugar que lle corresponde, no Estado, en Europa e no mundo.
Crédeme que non exaxero si digo que Galiza atravesa unha situación de emerxencia. A intensidade dos ataques que reciben os alicerces da estrutura produtiva do País -desde o sector financeiro até o primario pasando polo enerxético- non ten precedentes. Nin sequera a dura década dos 80 do pasado século -coa brutal reconversión do naval- é comparábel. Neste momento, estase a piques de consumar a maior desamortización de patrimonio social da historia moderna de Galiza, a absorción da caixa galega. Ao mesmo tempo, periga o sector da produción de enerxía eléctrica por aplicación do Decreto do Carbón, continúa o desmantelamento dos sectores lácteo e pesqueiro e, infelizmente, o esteleiro Astano continúa sen poder producir barcos por unha caprichosa decisión política.
245.000 PARADAS E PARADOS
Todo isto ten un prezo. 245.000 paradas e parados. A marca máis negra da historia de Galiza. Unha marca que define os 2 primeiros anos de Goberno Feijóo.
Todo isto ten responsábeis. O Goberno do Estado do PSOE e o Goberno galego do PP. A acción combinada de ambos está a producir efectos devastadores sobre o noso País.
Teño dito desde hai ben meses que ante unha situación así caben dúas escollas. A primeira é a de baixar os brazos, a de resignarse. A segunda é a de arremangarse e poñerse a traballar na defensa do País. O BNG aposta claramente pola segunda. Está no noso código xenético.
Hai quen di que os pobos teñen os gobernos que se merecen. Eu non o creo. Desde logo Galiza non se merece este goberno -estes gobernos- porque o noso pobo está moi por enriba dos que nos gobernan. Así o ten demostrado en moitas ocasións na historia (desde Nunca Máis até Queremos Galego) e así o vai a voltar a demostrar.
O 13 de Marzo, o nacionalismo galego -o BNG e a CIG- convocan á sociedade a se manifestar en Santiago baixo o lema de Galiza ten Dereito, en defensa do Aforro, o Emprego e o País.
É unha convocatoria absolutamente aberta, con vocación de chamar a todo o mundo, a todas e a todos os que queremos un País con Futuro, os que queremos unha Nación que garanta ás súas cidadás e os seus cidadáns o dereito a vivir e a traballar na Terra.
Alí estará o nacionalismo galego e a canda el miles de compatriotas que queren un cambio de rumo para o noso País. Ánimo e avante toda!