Isto é o que hai de Marzo, 2011

Marzo 22nd, 2011

GZ nuclear? Non, grazas. E non tamén á guerra!

O nacionalismo sempre foi unha forma de ollar o mundo desde Galiza. Sempre tivemos posición sobre os temas que máis preocupan á Humanidade. Non podía ser doutro xeito: defender a propia Terra é a mellor forma de defender a Humanidade.

Estes días a axenda política mundial está marcada por dous acontecimentos de extraordinaria envergadura: a ameaza nuclear no Xapón -infelizmente, máis que ameaza, incidente gravísimo xa consumado- e a intervención militar en Libia.

Sobre estas dúas cuestións o BNG ten fixado posición con clareza e sen ningunha ambigüidade, converxendo coas correntes de opinión máis progresistas e avanzadas do Planeta.

Verbo da enerxía nuclear, temos reivindicado o noso legado histórico. Desde o Xove Nuclear, Non até as mobilizacións contra as verteduras na foxa atlántica, o nacionalismo galego sempre defendeu a Terra e se opuxo ao uso dunha enerxía cun potencial destrutivo verdadeiramente aterrador. Quero dicir aquí que neste caso as teses históricas do nacionalismo galego son dunha modernidade extraordinaria. O tempo veunos dar a razón: a enerxía nuclear é unha ameaza para o futuro da Humanidade e ten que ser sinxelamente substituída por fontes de enerxía que non poñan en risco a vida no Planeta. Os apoloxetas de toda condición da enerxía nuclear -algúns políticos moi conspicuos do PP e do PSOE- hoxe por certo están calados como petos. Agardan, claro está, que escampe…

MILES DE CIVÍS INOCENTES MORTOS EN AFGANISTÁN E IRAQUE

GZ nuclear? Non, grazas. E non tamén á guerra, naturalmente. Que vai resolver a intervención militar en Libia? Absolutamente nada. Que resolveu en Afganistán ou Iraque? Como se protexe á poboación civil? Bombardeando? Esta forma curiosa de protexer os inocentes custoulle a vida a miles de civís indefensos en Afganistán ou Iraque.

O cinismo dos promotores desta agresión inxustificábel -Estados Unidos ao frente e o Estado español unha vez máis entre eles, antes con Aznar-PP, agora con Zapatero-PSOE- non ten limites. Por que se intervén en Libia e non en Bahrein, onde a monarquía feudal sufoca a sangue e lume un levantamento popular? Ben, en realidade, en Bahrein si que se intervén, através dun testaferro, o Exército de Arabia Saudí, pero non para porse ao lado do pobo senón do Rei represor! Cabe máis hipocresía?

O nacionalismo galego sempre estivo a favor do diálogo e da acción diplomática -chegando a sancións económicas se for necesario- como vía para resolver os conflitos. A vía militar non é tal, é só unha vía para a destrución e, iso si, para a anexión de territorios fértiles en gas e petróleo.

Marzo 7th, 2011

13-M: un bloque social para defender o País

Comeza unha semana moi importante para as e os que defendemos un futuro distinto para o noso País. É a semana da manifestación do 13-M que convocamos conxuntamente BNG e CIG baixo o lema de Galiza ten Dereito, en defensa do Aforro, o Emprego e o País. Unha mobilización que ten como obxectivo pór en marcha todas as enerxías do noso pobo en defensa de principios básicos para calquer nación: o dereito a dispor do seu propio aforro, o dereito a desenvolver políticas que críen riqueza e postos de traballo dignos, o dereito ao pleno autogoberno.

Estou esperanzado porque sei que non estamos sós. Sei que canda nós está un bloque social de miles de galegas e de galegos que se ten expresado con moita clareza durante estes dous primeiros anos de desgoberno Feijóo. Un bloque social que se ten botado ás rúas para defender a súa lingua frente a un Goberno que no canto de protexela fai todo o que está na súa man para minorizala; un bloque social que tamén ten protagonizado mobilizacións históricas en defensa dos nosos hospitais públicos ou que ten convertido a Galiza, nas dúas folgas xerais, na vangarda das protestas contra as medidas antisociais adoptadas polo Goberno do PSOE.

A VOZ DA RÚA FRENTE AO DESGOBERNO FEIJÓO

A forza deste pobo ninguén a poderá deter. Por moita blindaxe propagandística da que dispoña o desgoberno Feijóo, a voz da rúa vaise acabar abrindo paso. Por dignidade, por xustiza e por necesidade material elemental. Coas políticas que patrocinan PSOE e PP através dos aparatos gubernamentais do Estado e da Xunta, Galiza non ten futuro. É algo que vai alén da crise. Levamos séculos aturando os efeitos negativos das políticas centralistas, de políticas pensadas para realidades distintas da nosa. É hora de apostar claramente por nós propios, polas nosas propias forzas, por unha vía xenuinamente galega.

TRABALLO NAS INSTITUCIÓNS E MOBILIZACIÓN SOCIAL

Levamos ben máis de ano e medio criticando o que hai -basicamente as propostas neoliberais de PP e PSOE- e dicindo a continuación que si hai alternativa, porque a hai. E levamos ben máis de ano e medio dicindo que o BNG concibe a política non só como a práctica do traballo nas institucións, senón tamén como mobilización social. Non pode haber política nacionalista e de esquerdas sen a suma do traballo institucional e a mobilización social. En definitiva, Galiza non ten futuro se o pobo galego, e as maiorías sociais, non participan activamente na vida pública. E aí os formatos son múltiples: indo a manifestacións, acudindo a actos e a asembleas, ensanchando as redes sociais, vertebrando o País por abaixo, falando con compañeir@s e amig@s no traballo ou nos espazos de lecer…

Estamos no momento en que ese bloque social debe ser o protagonista. Estamos no momento en que ti, amábel leitor deste blog, tes que ser o protagonista. Está nas nosas mans. Realmente nós temos o poder porque somos máis. O que temos é que animarnos a exercelo. O que temos é que derrotar a lóxica da inercia e da resignación. O que temos é que pelexar polo Futuro, como fixeron os que nos precederon e os que conquistaron as cousas -o aforro, o emprego, certos dereitos sociais- que agora os neoliberais de toda caste pretenden arrebatarnos. Non llelo permitamos. Galiza ten Dereito. Fagámosllo saber este domingo en Santiago de Compostela. Demostrémoslles do que é capaz o pobo galego.