Onte estiven en Boiro, como xa anunciei neste blog, apoiando á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, non podemos consentir que se privaticen servizos de tanta importancia como a diálise. Recorremos as rúas de Boiro ao berro de «non non non á privatización» e semellantes. De novo na praza do concello leuse un manifesto. Previamente gardamos un minuto de silencio en sinal de loito polas vítimas do terremoto de Murcia. Teño que dicir que me acompañaron varios membros da nosa candidatura, xuntámonos en Boiro 14 das 23 persoas que conformamos a lista do BNG da Pobra.

Aquí estou acompañada por varios membros da nosa candidatura na praza do concello de Boiro.
Hoxe falarei en tres actos electorais: un mitin en Lesón, onde me acompañarán Gil A. López e Ana Rosa López, números 9 e 8 da candidatura. Será ás 7 e media da tarde. Logo desprazarémonos ás 20:30 horas ata a praza da Treixadura, no Lagar, onde antes da miña intervención dirixiranse ao público Manuel Paredes Parada e Cristina Andrade (concelleira), que van na posición 7 e 6 da nosa candidatura. Remataremos esta intensa xornada cun mitin especial mocidade, onde a xente nova da candidatura terá o protagonismo: falarán Lois Valiño, Raquel Hermo e Natalia Santos, números 15, 12 e 11 da candidatura, logo intervirá a secretaria nacional de Galiza Nova, Iria Aboi. Unha vez remate o acto contaremos cun pequeno concerto, durante o cal tocarán os The Little Stones e logo Lulú e Kuervo, compoñentes de Forraje, nos obsequiarán cun miniconcerto acústico. Previamente contaremos cun grupo de música tradicional, Os Canecos. Quero dende aquí expresar o meu máis sincero agradecimento a todas estas persoas que colaboran desinteresadamente con nós.
Mañá será unha xornada igualmente intensa, co mitin central da campaña que será na Praza do Cantón da Leña as 12 e media da mañá. Intervirán Amparo Cerecedo (concelleira) e Ana Pontón (deputada no Parlamento Galego). Finalmente serei eu quen teña o privilexio de dirixirse ás e aos asistentes. Polo tarde estaremos nas Pedriñas e no Cruceiro da Lomba.