Abro novamente esta fiestra e asómome a ela agardando atoparvos ao outro lado. Quero abrila pedíndovos desculpas polo tempo que estivo pechada, moito máis do que eu desexaba. Quixemos mellorala e darlle unha nova imaxe e o que pensamos que ía ser un proceso sinxelo, complicouse máis do desexado e fixo que durante estes últimos meses este canle de comunicación que manteño con vós permanecera inactivo.
A ausencia destes meses non fixo máis que reafirmarme na necesidade de contar cun foro, como este, a través do que poder trasmitirvos as miñas opinións e inquedanzas e recoller as vosas suxestións e tamén, por suposto, as vosas críticas. Tras os primeiros meses de toma de contacto coas responsabilidades de goberno, agora estamos xa metidos de cheo na xestión e posta en marcha de novos proxectos. É por iso, que quero escoitarvos, quero coñecer o que pensades e quero saber cal é a vosa visión do que estamos a facer.
Comprometinme durante a campaña a manter un contacto permanente cos veciños e veciñas e penso que este é un bo xeito de facelo. Agardo que, tras este reencontro, recuperemos o diálogo que mantivemos cando inicie este blog. Ao igual que entón continuarei respostando a todos os vosos comentarios. O único que vos pido é un pouquiño de paciencia se tardo en contestarvos. Irei atendendo ás voas opinións e suxestións dependendo do tempo de que dispoña, que uns días será máis e outros menos, pero podedes ter a certeza de que ningún quedará sin atender.
Dagora en diante aquí me podedes atopar, disposto a escoitar…