A crispación e a confrontación téñense convertido nas protagonistas nas últimas semanas no Concello. A polémica está centrando a actividade política e iso non é bo. Non é bo para a convivencia política, pero o que é máis importante, non é bo para os intereses de Vigo. Os esforzos e tempo que se adican ás disputas van directamente en detrimento do traballo pola cidade. É unha conclusión lóxica.
A orixe desta situación é, sen dúbida, a celebración das eleccións xerais que temos á volta da esquina. A gran preocupación dos dous grandes partidos estatais é nestes intres os resultados desa cita electoral e lamentablemente ese interese estase trasladando ao día a día do Concello. O espectáculo que se está a dar é bochornoso. Non atopo outro calificativo.
O BNG non vai entrar nese xogo. Desde logo que eu traballarei para que a miña formación política obteña os mellores resultados posibles nas eleccións xerais, pero nunca utilizando á institución á que represento, nin o cargo que ocupo. Na actividade municipal á cita do 9 de marzo debe quedar ao marxe. É preciso diferenciar ben onde empeza e acaba a nosa responsabilidade como representantes dos vigueses e das viguesas -tanto os que estamos no goberno, como os que están na oposición- e cales son os escenarios desde onde se pode facer campaña electoral.
Estou certo de que do enfrontamento ninguén tirará réditos electorais. Penso que a cidadanía está chea de que perdamos o tempo nesas leas e reproba todo o que está acontecendo. De seguro que está a tomar boa nota das actitudes, feitos e declaracións destes días.
Chegados ata onde nos ten levado esta situación é preciso que uns e outros recuperen a calma e a sensatez. Aínda están a tempo.