Era o ano 1999 cando empecei a soñar. Soñaba con que a miña cidade acollera un gran evento deportivo, que fora un elemento dinamizador do noso deporte, pero tamén supuxera o impulso necesario para a consecuención de máis e mellores infraestruturas. Ese ano celebrábase en Mallorca a Universiada de Verán. Eu asistía con certa envexa, teño que recoñecelo, a aquel espectáculo e pensaba ¿por que non?, ¿por que non en Vigo?
Esa idea foi agromando na miña cabeza e empezou a tomar forma cando un goberno presidido polo BNG iniciou a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Na memoria inicial daquel documento xa se recollía a necesidade de que Vigo puidera organizar un evento deportivo de alto nivel internacional e mencionabase expresamente a Universiada. Con ese obxectivo reservouse espazo para a construción da Cidade do Deporte, elemento que é hoxe clave no noso proxecto de candidatura. Foi tamén por aquel entón cando e empezamos a recabar información sobre a celebración da Universiada en Mallorca.
O soño foi collendo forza é xa no programa electoral co que nos presentamos ás eleccións do ano 2003 aparecía como un compromiso do BNG que Vigo fora candidata a sede dunha Universiada. Daquela non tivemos opción a poder poñer en marcha esta iniciativa, pero eu seguía soñando. E novamente incluimos ese proxecto no programa co que nos presentamos ás últimas eleccións municipais. Desta vez si tivemos ocasión de asumir o reto e desde o primeiro momento empezamos a traballar para dar forma a ese soño.
Foron meses de moito traballo, pero o día 11 de marzo tivo a súa primeira recompensa coa elección de Vigo como candidata do Estado español á organización da Universiada 2013. Quero aproveitar este espazo para agradecer toda a colaboración que teño atopado nesta andaina que iniciamos hai seis meses. Sen a implicación neste proxecto de todas as institucións, o mundo do deporte, ás entidades, os colectivos empresariais, sociais, sindicais e veciñais sería moi difícil que hoxe poidéramos celebrar o noso primeiro éxito.
Pero eu sigo soñando. Agora entramos xa na recta final. Empregando un simil futbolístico podemos decir que conseguimos clasificarnos para a Champions e agora temos que loitar por gañar esa competición. É un reto difícil, pero estou certo de que non é imposible. Co respaldo dos vigueses e viguesas seremos quen de demostrar que Vigo é a mellor candidata para albergar unha competición que en número de participantes só supera unhas Olimpiadas.
Desde o 11 de marzo soño cun Balaídos reformado acollendo a cerimonia inaugural da Universiada en xullo de 2013. Soño cunha Vila Universitaria acollendo aos 10.000 deportistas universitarios de 170 países que encherán a nosa cidade. Soño con 5.000 voluntarios, mozos e mozas, como a mellor imaxen do que somos. Soño con deportistas galegos e galegas subindo ao alto do podio.
Soño e continúo soñando e agardo que todos e todas soñedes conmigo….