A emisión dun programa de televisión sobre o Casco Vello leva unha semana protagonizando o debate na cidade. Eu penso que a visión que se ofrecue, sendo real, é parcial e só recolle unha parte da situación do barrio. Pero feita esa reflexión inicial, o que levo varios días tratando de entender é por que parece que o problema existe agora porque sae na televisión. É como se o deterioro do Casco Vello xurdira de pronto ou que a situación de marxinalidade na que viven algunhas persoas acontecera de súpeto. Non é así. A situación do barrio é froito de moitos anos de abandono, e o malo non é que esa realidade ofreza agora a través das pantallas da televisión dos nosos fogares unha mala imaxen da cidade, que tamén, o realmente importante é que esas situacións existen é hai que darlle solución.
Cando negociamos o pacto de goberno puxemos moito interese en asumir a xestión do Casco Vello precisamente porque pensamos que é xa hora de que Vigo recupere o cerne da cidade. Como concelleiro de Cascos Históricos e presidente do Consorcio de Casco Vello teño un compromiso persoal co barrio e o meu obxectivo nestes anos que temos por diante é conseguir que a súa recuperación integral avance con paso firme.
Como dicía ao principio o Casco Vello non é só o que saíu no programa “Callejeros”. Esa é unha parte da realidade, pero non o todo. Hai zonas nas que a recuperación xa se deixa sentir e que deben servir como elemento dinamizador para espallar a rehabilitación a todo o barrio. Porque a transformación do barrio ten que ir máis alá da recuperación de edificios, hai que conseguir tamén a transformación social, facendo que o Casco Vello no seu conxunto sexa de novo un lugar de encontro, unha zona na que os vigueses e viguesas poidan vivir, pero tamén gozar do seu lecer, ir de compras ou desenvolver actividades que agora lle están vetadas.
Grazas, sobre todo, ao tesón e empuxe das xentes do Casco Vello ese obxectivo empeza a coller forza. As administracións temos a obriga de acompañar o proceso e así o estamos a facer. Os andamios que xa se empezan a ver son un bo exemplo. Nunca coma agora houbo unha implicación tan importante tanto da Xunta, a través da Consellería de Vivenda, como do Concello. Sei que hai moitos e moitas escépticos e teñen motivos para esa incredulidade, porque ao longo dos anos houbo oportunidades desaproveitadas e moitas promesas incumpridas. Eu estou certo de que desta vai. Non será un cambio radical, como eses aos que nos teñen afeitos nalgúns programas de televisión que están na antítese de “Callejeros”. Será un camiño que teremos que percorrer entre todos pasiño a pasiño, asegurando cada novo chanzo que subimos, pero no que xa non hai volta atrás. Eu estou firmemente convencido de que é posible e, ademais de seguir pedindo paciencia aos veciños e veciñas, pido tamén que creades que está ao noso alcance conseguilo, pido a vosa complicidade…