Unha vez que ten rematado a temporada futbolística quixera facer unha reflexión a respecto do club máis representativo da nosa cidade, o Real Club Celta de Vigo. Non pretendo inmiscuirme no aspecto deportivo, onde o Celta ten plena autonomía, pero si comentar aqueles aspectos que teñen que ver coa súa situación económica actual e co papel que o Concello de Vigo debe desenvolver.
Vaia por diante que son celtista desde os seis anos, ademais de abonado e accionista do club, e o son porque considero que hai que apoiar aos nosos emblemas deportivos, culturaris, sociais… Iso si, o meu é un apoio individual e persoal. Cada vez que renovo o meu abono é cos meus cartos e co meu esforzo económico, ao igual que o fan todos e todas os afeccionados que tamén apoian ao noso club.
A realidade é que o Celta está nestes momentos diante dunha situación económica preocupante, proba delo é que quere acollerse á Lei Concursal para poder renegociar a débeda existente e elaborar un plan de viabilidade económica que lle permita encarar o futuro con garantías. Unha vez máis, e xa van sendo moitas, asistimos a unha situación da que única e exclusivamente é responsable a propia xestión realizada polo Celta. Aos socios, abonados e cidadáns en xeral non se nos ten consultado, nin puidemos incidir nas directrices económicas ou na planificación do club.
O Concello de Vigo leva máis de 20 anos facilitándolle ao Celta un instrumento moi importante para a captación de recursos económicos. O club ten de xeito gratuito o uso dunha instalación municipal como é o estadio de Balaídos, pero tamén utiliza uns terreos de propiedade municipal na Madroa para adestramento de todas as súas categorías. Non só iso. Tamén se lle permite a explotación de todos os dereitos de publicidade do campo, así como das cantinas e outros espazos do estadio que o equipo sempre utilizou sen nengún tipo de contraprestación. Mesmo hai que lembrar que a día de hoxe non se ten regularizado nin siquera o pago da luz e a agua desas instalacións, que lle correspondería ao Celta, e non podemos obviar que as obras importantes de remodelación ou de mantemento da estructura de Balaídos teñen sido asumidas sempre a través dos cartos do erario público.
Chegado a este momento aos responsables políticos non nos pode vencer o noso corazón de afeccionados. Eu sempre quero e vou querer o mellor para o Celta, pero como responsable político teño que dicir que os cartos públicos son de todos os vigueses e viguesesas, dos que nos gusta o fútbol e dos que non. Estamos viviendo desgraciadamente un tempo de crisis económica. Vemos como os pequenos e medianos comerciantes están sufrindo para manter os seus negocios. Asistimos nas rúas da nosa cidade a manifestacións de traballadores e traballadoras reclamando o mantemento dos seus postos de traballo. Diante disto os políticos temos que ser valentes e non deixarnos levar por un certo populismo ou pola demagoxia. Se a pregunta é ¿hai que apoiar ao Cetla? Eu digo con rotundidade que si, ao igual que temos que apoiar aos distintos sectores que son tamén emblemáticos na cidade e a outros moitos equipos que levan anos esforzándose ao igual que o está a facer o Celta.
O problema non está en ampliar o convenio que o Concello ten co Celta. O problema está en como se amplía e en que condicións. Hai que marcar claramente as contrapartidas que o club ten que repercutir na cidade. O Celta terá que colaborar coa cidade na reforma dun estadio do que é o principal beneficiario, poñendo enriba da mesa parte dos seus dereitos en publicidade, explotación de locais comercial… para axudar economicamente a esta remodelación. No convenio terán que reflectirse e regularizarse as contraprestacións económicas que o club terá que afrontar e tamén as de tipo social que o Celta terá que revertir na cidade.
Sei que esta opinión pode parecer impopular nalgúns sectores do celtismo, pero estou certo de que os pais e nais, os traballadores e traballadoras que imos a apoiar ao noso equipo todos os domingos e que pagamos as nosas cuotas sabemos diferenciar claramente o límite entre apoiar a fondo perdido a unha sociedade anonima deportiva e o apoio que se lle pode dar ao club, como se fai con outros sectores, esixindo as xustas contrapartidas.
Cantos saneamentos, cantas renegociacións se teñen feito xa para sanear aos clubes de Primeira e Segunda División, dicindo sempre que sería á última? Para que sirven as sociedades anonimas deportivas se ao final os seus desaxustes económicos temos que pagalos todos os contribuíntes?
Eu seguirei indo a Balaídos e apoiando ao noso Celta, ao igual que aos demais equipos desta ciade, pero non permitirei que a miña condición de afeccionado me faga perder a responsabilidade política que temos cos nosos administrados e administradas que son os vigueses e as viguesas.