Nos últimos días estamos a escoitar máis dunha manifestación sobor da chegada do AVE á nosa cidade, os prazos de execución e os investimentos necesarios para que se cumpran os compromisos que veñen facendo tanto o presidente do Goberno como destacados representantes do PSOE. Son moitas as declaracións que se están a facer sobre esta infraestrutura, a situación actual dos distintos tramos do AVE en Galiza e o corredor do Eixo Atlántico, que debe servir para a unión de Galiza, e en especial Vigo, co norte de Portugal. A pesar diso a realidade é que non se disipan as dúbidas sobre cando e como chegará o AVE.
Galiza e Vigo xa sufriron as consecuencias de ser os últimos na chegada das autovías. Cando noutros lugares do Estado español xa tiñan resolta esa demanda, todavía andabamos aquí cos estudos informativos, informes de impacto ambiental, etc. Cando noutras zonas do Estado estaban desenvolvendo xa unha clara política económica vinculada ás comunicacións terrestres e transporte por estrada, as empresas viguesas e galegas tiñan que loitar con tempos de sete, oito ou nove horas para achegar os seus produtos a lugares como Madrid, Euskadi, Cataluña ou Andalucía.
Dende o Bloque Nacionalista Galego dixemos xa tanto no Parlamento do Estado en Madrid como en Santiago que non podemos permitir que unha vez máis sexamos os últimos na consecución dunha infraestrutura que é fundamental para o noso desenvolvemento. Os galegos e as galegas, os vigueses e as viguesas non somos cidadáns de segunda categoría e xa está ben de que todos os recursos teñan sempre destinatarios prioritarios noutras zonas do Estado español.
Os políticos e toda a cidadanía debemos esixir que se nos fale con claridade, que se nos diga cales son os investimentos que o Ministerio de Fomento ten previsto facer para cumprir o calendario de 2012 para a chegada do AVE e 2013 para o remate do Eixo Atlántico. Deben dicirnos, sen máis rodeos, cando se van a licitar os tramos que faltan entre Lubián e Ourense, que son a vía fundamental para que a chegada do AVE se faga en prazo. Diante da inconcreción que vimos padecendo, o mínimo que debemos exisir, porque non, é unha visita á cidade da ministra de Fomento para que lle explique a toda a cidadanía viguesa cales son os propósitos que o seu departamente ten a respecto da chegada do AVE a Vigo.
Coa presión en Madrid do BNG tense avanzado moito nestes últimos anos, como por exemplo conseguir que o 8% dos investimentos do Estado en materia de infraestruturas veñan para Galiza. Ben é certo que iso non é sufuciente. Si queremos que o AVE chegue no 2012 teñen que se triplicar estes investimentos, doutro xeito non será posible cumprir os prazos.