Vimos de iniciar un novo curso político con renovados ánimos para seguir traballando por e para a xente. Temos por diante moito traballo que facer para afondar na mellora da calidade de vida dos vigueses e viguesas, que é o obxectivo co que os nacionalistas desenvolvemos a nosa acción desde o goberno da cidade.
Despois dun primeiro ano de andaina da coalición cos socialistas, no que se foron pulindo os engrenaxes, entramos agora na etapa na que hai que avanzar na consolidación do goberno municipal. É xa un equipo maduro que ten o reto de levar adiante grandes proxectos e investimentos para a cidade. Hai que pisar o acelerador para concretalos, empezando polo desenvolvemento do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Vigo levaba moitos anos agardando por un documento que definira o seu futuro. Agora xa o ten e penso que pasou o tempo da discrepancia. Temos a grande oportunidade de contar cun instrumento que revitalice a vida da cidade é penso que o importante é que vaiamos todos da man, deixando traballar aos técnicos porque non hai volta atrás. Claro que o feito de deixar aparcadas as diferenzas, non significa que se implanten os mecanismos axeitados para que os afectados sexan xustamente recomensandos. O BNG sempre vai estar ao seu carón.
O desenvolvemento do PXOM vai xogar, sen dúbida, un papel determinante no futuro de Vigo, aínda que non vai ser o único elemento sobre o que a nosa cidade vai apoiar o seu futuro. Estamos xa en fase de elaboración dos orzamentos do Estado e da Xunta e neles xogámonos tamén boa parte do noso futuro. É certo que estamos en tempos de crise, pero esa non pode ser a desculpa para que a nosa cidade non reciba o que lle corresponde. Non se pode recortar alí onde historicamente houbo desequilibrio nos investimentos, como é o noso caso. Existe unha débea histórica coa cidade máis importante de Galiza e desde o BNG imos esixir que se cumpran os compromisos que tanto o Goberno do Estado como o da Xunta teñen coa nosa cidade, empezando por infraestruturas como o AVE. Só se nos seus orzamentos aparecen as partidas que garantan o cumprimento do prazos para a súa chegada poderemos confiar no cumprimento da palabra dada. Nós imos facer un seguimento moi estreito para ver o grao de execución das partidas orzamentarias destinadas a Vigo, que é como realmente se fan realidade as promesas.
Nos podo deixar de referirme tampouco a outra cuestión que vai ter moito protagonismo neste curso político, como son as eleccións autonómicas. É unha cita na que Vigo se xoga moito. Os nacionalistas defenderemos o noso proxecto político, co convencemento de que un BNG forte na Xunta vai ser un BNG que conte con Vigo. Os datos están aí e non enganan. So hai que ver as actuacións e investimentos das consellarías nacionalistas na nosa cidade ata o de agora, para saber como serán no futuro con maio respaldo cidadá.
O que de ningún xeito imos facer é utilizar a campaña electoral para interferir na política municipal. Na nosa xestión diaria no Concello iremos debullando os moitos proxectos que temos nas distintas áreas nacionalistas e cos que afrontamos con moita ilusión e gañas de traballar este novo curso. Ese vai ser o noso labor para superar as asignaturas que esta cidade ten pendentes.