Crise. Esa é a palabra que, por desgraza, dende hai xa varios meses centra o interese. Estamos a atravesar unha difícil situación económica que se deixa sentir en todos os ámbitos da vida e que xa está a ter maior incidencia nos sectores máis desfavorecidos, que son sempre os que padecen en primeiro lugar as consecuencias destes procesos.
Neste contexto é no que o Goberno municipal afrontou a elaboración dos orzamentos do vindeiro ano. A situación loxicamente obrigou a facer unha racionalización dos gastos, pero sabedores de que a Administración local vai ter que dar resposta ás consecuencias derivadas da crise, fomos quen tamén de manter o nivel de crecemento nas partidas directamente vinculadas á atención cidadá, é dicir, aquelas de marcado carácter social, as que nos van permitir ampliar as axudas para atender ás persoas desfavorecidas, dependentes, en risco de exclusión socia, infancia…
Son estes sectores os que con maior virulencia van sentir o mal momento económico que vivimos e aos que dende o BNG queremos prestar atención.Por iso nas nosas áreas de xestión apostamos fortemente polo gasto social. Incrementamos as partidas destinadas a todos os programas relacionados directamente coa mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, porque mantemos o noso compromiso de traballar para a xente.
O gasto social é un dos piares sobre os que se sosteñen os orzamentos, pero dende as nosas concellerías quixemos tamén facer un esforzo nos investimentos para continuar impulsando a recuperación integral do Casco Vello. O noso barrio histórico vai ter por segundo ano consecutivo a maior aportación económica por parte do Concello. Tres millóns de euros, que sumados aos sete do Consorcio do Casco Vello, van permitir continuar avanzando con paso firme nun obxectivo que para nós é preferente: recuperar o barrio cerne da cidade. Como teño manifestado reiteradamente é un proceso longo e complicado porque tras moitos anos de abandono hai moito traballo por facer, pero neste primeiro ano xa se está a notar que desta vez vai.
O gasto social e o Casco Vello foron as nosas prioridades nestes orzamentos, pero igualmente afrontamos na súa elaboración algo que para nós e fundamental na nosa acción de goberno: cumprir o pacto de goberno asinado co PSOE. É podemos dicir que as cuestións ás que nos comprometimos con esa sinatura están recollidas nos orzamentos, para dar resposta ás demandas e necesidades que ten a cidade.
Por segundo ano consecutivo Vigo vai comenzar o ano cun orzamento aprobado e listo para executar e iso é algo que tamén ten a súa relevancia. É moi importante para a cidadanía contar cos orzamentos do Concello en tempo e forma, porque iso vai permitir que teñan acceso antes ás subvencións, que podian solicitar canto antes as axudas ás que teñen dereito ou que non se retrase a execución das obras. Iso tamén incide na mellora da calidade de vida da veciñanza.
O BNG ten boa parte de responsabilidade no feito de que os orzamentos estean aprobados a un de xaneiro e se negociaran sen facer deles un reparto do pastel ou entrar en batallas partidistas. A nosa responsabilidade fai que a por riba de todo poñamos o interese da cidade e dos seus veciños e veciñas. E estou certo de que para eles estes son uns bos orzamentos, nunha época na que pende sobre nós unha difícil situación económica.