Levo máis tempo do que me gustaría sen deixar nesta fiestra novos comentarios e quero empezar este novo artigo pedindo desculpas. Como está xa á volta da esquina o comenzo dun novo ano, que é sempre tempo de facer propósitos de enmenda, vou incluir na miña lista o de adicarlle algo máis de tempo a atender este blog. Non sempre é doado, porque a actividade diaria é moita, pero tentarei sacar algún ratiño máis para manter ben aberta esta fiestra.
Rematamos agora un ano que ten sido moi intenso e que desde o punto de vista das nosas áreas no Goberno municipal penso, sinceiramente, que ten sido un ano de consolidación e de avance na posta en marcha dunha política máis achegada á veciñanza, que é o que desde o BNG sempre defendemos. No 2009 que imos empezar percibiranse xa con maior forza os resultados do traballo que vimos desenvolvendo neste ano e medio de goberno.
Pero hoxe máis que facer un balance da xestión ou debuxar novos retos de futuro, quero fundamentalmente desexarvos a todos e todas unhas moi felices festas e que o novo ano veña cargado de todo aquilo que queredes. Eu tamén teño o meu desexo. Son moitos os proxectos que me gustaría que se fixeran realidade, pero por riba de todo o que realmente desexo é que o 2009 sexa un ano no que a gran noticia fóra que o paro non existe para os vigueses e as viguesas. Estou certo que iso sería o elemento fundamental para que todos os nosos demáis soños se cumplisen.