Hoxe coñecemos os últimos datos do paro e como era previsible non son bos. O desemprego subiu en Galicia o último mes en máis de 11.400 persoas e a cifra de parados supera xa os 200.000. Estas persoas que perderon o seu emprego son a verdadeira cara da crise. Son elas as que sinten en carne propia o difícil momento económico que estamos pasando, ás que fan números para chegar a fin de mes e non chegan, ás que demandan axuda para poder pagar a súa hipoteca… Son elas as que viven no día a día as consecuencias da crise e son elas, polo tanto, ás que temos que apoiar.
Nas actuacións que se están a desenvolver para combatir a crise o principal obxectivo ten que ser garantir que os cartos chegan ás empresas e sectores económicos que máis o precisan e ás familias que están asumindo a sangría do desemprego. A preocupación das administracións ten que ser como axudar a estos colectivos é non crear espectáculos arredor do grandes banqueiros e empresarios. Non podemos permitir que haxa pequenas e medianas empresas que están facendo equilibrios ou se ven obrigadas a facer Expedientes de Regulación de Emprego porque non reciben apoio financieiro, mentras os grandes titulares continúan a ser como se vai salvar desta situación aos bancos. Calquera axuda que se dirixa a eles ten que garantirse que repercuta directamente nas familias e nesas empresas que son o auténtico soporte do noso tecido económico.
O apoio hai que enfocalo en axudar aos sectores máis desfavorecidos, ás persoas con menos recursos e aos empresarios que xeran emprego. Nese camiño estamos a traballar as diferentes concellerías nacionalistas. Desde o Departamento de Benestar Social tense incrementado notablemente todos os programas e axudas dirixidos aos máis desfavorecidos. Na área de Comercio estamos a traballar directamente coas asociacións para desenvolver as iniciativas que eles entenden que máis lles poden beneficiar. Son só algúns exemplos do que estamos a facer no curto prazo, pero pensamos que tamén hai que pensar no longo prazo. É por iso que consideramos moi importante traballar na promoción da cidade ou xestionar que a cidade conte con eventos deportivos ou culturais de carácter internacional. Eses investimentos redundarán en beneficio para a cidade en sectores como o hosteleiro, o hoteleiro ou o comercio. Son grandes xeradores de emprego, nunha cidade que ten que diversificar o seu papel como motor de Galiza máis alá da industria, pero que son dos máis afectados pola crise e, como consecuencia, nichos nos que se está a instalar o paro. Eses empresarios e empresarias e os seus traballadores e traballadoras son a verdadeira cara da crise.