O tempo da e quita razóns. Este dito popular cobra forza estes días tras a presentación do Plan de Utilización de Espazos Portuarios, un documento que desde o BNG reclamamos insistentemente como paso previo á calquera actuación portuaria. O simple feito de que, por fin, exista ese plan é xa unha victoria dos nacionalistas, que durante moito tempo estivemos sos como formación política nesa reivindicación e fomos, por elo, o foco de críticas e acusacións que hoxe se demostran inxustas.
Pero non só a presentación do documento é unha boa nova para nós, tamén as súas conclusións son benvidas porque abren o camiño para que se poida chegar a un consenso sobre como debe ser o futuro do noso Porto. O primeiro que podemos constatar é que o plan di que é posible o desenvolvemento portuario co respecto medioambiental pola nosa ría. Desde o BNG puxemos sempre como condición que calquera actuación tiña que ser compatible coa ría. Esa posición que defendimos non foi sempre entendida, pero hoxe se demostra que, como dicía ao inicio, o tempo da e quita razóns. É posible que o Porto creza, algo do que nunca estivemos encontra, pero ese crecemento pode facerse sen acometer recheos puros e duros, racionalizando primeiro os espazos e buscando solucións que non danan a ría.
O Plan de Usos non só elimina recheos anteriormente propostos, senon que recolle alternativas totalmente compatibles co medio ambiente para cada unhas das ampliacións que se consideran necesarias. Nós imos velar porque cando haxa que optar por unha ou outra solución non sexa o criterio económico o que prime, senon o medioambiental. Pero ademais diso, cada unhas das actuacións terá que pasar previamente un informe medioambiental, cuestión esta que cando a reclamaba o BNG hai anos era calificada como un despropósito e que hoxe xa non se cuestiona.
Este documento é, en definitiva, un bo punto de partida para que o Porto de Vigo poda seguir sendo competitivo e desenvolver as súas infraestruturas para mellorar os seus servizos. Estamos moi satisfeitos de que finalmente se entenderan as nosas razóns e se asuman como puntos de partida para facer compatible o crecemento do Porto co noso gran tesouro, a Ría. O tempo da e quita razóns, e neste caso doulla ao BNG.