Nestes últimos tempos puidemos escoitar a iniciativa do novo goberno que preside o señor Núñez Feijóo de eliminar a proba de galego nas oposicións que se celebren na nosa comunidade. Insisten os señores do Partido Popular en querer facer da lingua un cabalo de batalla e insisten tamén en querer eliminar todo aquilo que aos galegos e galegas nos fai singulares e nos configura como un país propio. Neste tema en concreto estaría ben que nos paráramos a pensar nas consecuencias que, máis alá do propio ataque á nosa lingua, se poden derivar para a nosa economía e, sobre todo, para o emprego no noso país.
Que está dicindo o señor Núñez Feijóo cando anuncia en todo o Estado que se acabou en Galiza a proba de galego nas oposicións? Está, sen dúbida, facendo un chamamento a estremeños, andaluces, etc. a que veñan a opositar aquí. Está animando a que os postos de traballo públicos que se xeran cos cartos de todos os galegos e galegas sirvan para ofertar posibilidades máis alá das nosas fronteiras, en detrimento da protección básica que os poderes públicos galegos deben estabelecer para a súa cidadanía. Os mozos e mozas que viven en Galiza, que estudan en Galiza e que son fillos de traballadores e traballadoras galegos non poderán contar cun valor engadido que é o de coñecer e dominar unha lingua máis que os outros.
A alguén se lle ocorre que en calquera oposición, nun concurso de méritos ou en calquera outro tipo de baremación non se teñan en conta os idiomas, os mestrados realizados ou a titulación obtida? No caso dos galegos e as galegas que opten a un posto público na súa terra eliminaráselles, por unha decisión política inaudita, a posibilidade de poñer en valor o coñecemento dunha lingua que ademais está recoñecida pola Constitución e polo Estatuto como lingua oficial de Galiza. Parece que o Partido Popular, lonxe de protexer os intereses da cidadanía galega, encamíñanos cara á triste historia da emigración dos nosos mozos e mozas.
Non se trata de discriminar a ninguén. Calquera persoa do Estado español ten o dereito de vir opositar a Galiza, pero se trata de defender que quen máis dereito ten a traballar na nosa terra son os galegos e as galegas, que contribúen co seu esforzo ao desenvolvemento do noso país. Estes días os nosos gandeiros están reclamando protección para as súas explotacións, para que os produtos foráneos non afecten ao seu mercado. Os traballadores e traballadoras do metal, da automoción e da pesca están pedindo que non se destrúan postos de traballo na nosa terra, que se axude aos sectores básicos da economía galega para acadar o mantemento dos postos de traballo. Mesmo se dan axudas para incentivar a compra de automóbiles, axudas da propia Xunta, e que loxicamente recaen en mans dos galegos e galegas. Por que entón non se fai o mesmo coa nosa lingua?. É un valor que nos diferenza dos outros e que nos daba a vantaxe de ter maiores oportunidades para acceder a un traballo digno na nosa terra.
Non se dan de conta os señores do PP que coa súa batalla ideolóxica contra a nosa lingua están iniciando o camiño de equiparar a Galiza, non coas nacionalidades históricas que dende sempre se caracterizaron pola defensa do seu, senón co resto do Estado, cando Galiza sempre tivo un espazo diferenciador que nos ten levado a sentir ese orgullo de pobo e de País, nin mellor nin peor, pero si distinto aos outros.
Fóra de calquera ideoloxía o pobo galego sabe ben como defenderse cando se trata de reivindicar o respecto polo noso, pola nosa xente e polo que somos. A lingua galega non debe ser senón un instrumento e un sinal de identidade que ten que facer que nos unamos e que xuntos loitemos por un mellor futuro para todos e todas as e, en particular, para os nosos mozos e mozas na busca do seu futuro e da súa realización persoal.